DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado de Educación Social realiza unha exposición con propostas para a sostibilidade

510 consellos para coidar o planeta

Foi inaugurada co gallo da celebración este luns do Día Mundial do Medio Ambiente

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Feiras e exposicións
  • Medio Ambiente
  • Estudantes
DUVI Ourense 05/06/2023

Que fas ti polo medio ambiente? Este é o título dunha exposición que desde este luns e ata o inicio do curso académico 2023/2024 estará situada na entrada do Edificio de Ferro do campus de Ourense co obxectivo de concienciar e sensibilizar á comunidade universitaria sobre a problemática ambiental. A exposición recolle 510 propostas para coidar o medio ambiente feitas por alumnado do Grao de Educación Social da Facultade de Educación e Traballo Social.    

A mostra foi inaugurada co gallo da celebración este luns 5 de xuño do Día Mundial do Medio Ambiente. Esta conmemoración, celebrada polas Nacións Unidas desde o ano 1973, cumpre este ano medio século e supón  na actualidade, segundo indican desde a súa organización, “unha das plataformas mundiais con maior alcance en favor das causas ambientais” e incide en que toda acción que tome a cidadanía suma contra a contaminación. “A celebración deste día en si mesmo serve para concienciar sobre a necesidades de coidar, desde o individual e o colectivo, o noso medio ambiente. Aínda que agora estamos en período non lectivo e o alumnado xa non está nas aulas, presentamos esta exposición coa idea de que estea aquí durante varios meses e o seu efecto de sensibilización e concienciación vaia máis alá deste día”, comentou Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, na inauguración da iniciativa.

O responsable académico felicitou ao alumnado e profesorado participante nesta mostra polo “marabilloso traballo feito”, traballo que, dixo, “supón levar á práctica o que se ensina nas aulas” e que ademais de beneficiar á formación do propio alumno ou alumna participante, serve para sensibilizar a toda a comunidade universitaria. Xosé Manuel Cid destacou a cantidade de propostas diferentes achegadas de xeito visual polo alumnado na exposición e apuntou a importancia de que nunha Facultade de Educación e Traballo Social coma esta se sexa sensible con este tipo de problemáticas.  

Decálogos con consellos

Ángel Dorrío, profesor da Facultade de Educación e Traballo Social, explicou que a mostra foi realizada por 51 estudantes de segundo e terceiro curso do Grao de Educación Social, concretamente no marco da materia Educación Ambiental para o Desenvolvemento Sostible. Cada estudante, indicou, fixo un cartaz cun decálogo de dez consellos “para o día a día” que contribúen a coidar o medio ambiente. Segundo explicou o docente da materia, trátase de “propostas sinxelas que a nivel individual pode facer unha persoa” pero que abranguen un amplo abano de preocupacións, como o aforro de auga e de enerxía, modelos alternativos de consumo, mobilidade sostible ou a xestión de residuos, facendo fincapé en que “antes da reutilización e a reciclaxe, está a redución do consumo”.

Entre o amplísimo listado de proposta, 510, están plantar árbores, comprar a granel, separar o lixo, usar transporte público ou bicicleta, levar bolsa propia ao supermercado, ducharse en vez de bañarse, pechar a billa mentres se lavan os dentes, usar copa menstrual, ir a lugares de turismo sostible, optar por roupa de segunda man, comprar produtos ecolóxicos e cosmética natural, reducir o consumo de carne, apagar as luces cando se sae dunha habitación, compartir coche, consumir preferentemente produtos reutilizables, pintar a casa con cores claras, etc. Cada decálogo recolle de forma sinxela e visual as súas dez propostas, coa idea de ser o máis divulgativo posible. A iniciativa, destacouse na súa presentación, fai ver como a nivel individual cada persoa pode facer cousas asequibles para coidar o medio ambiente pero o seu obxectivo último é concienciar e sensibilizar a toda a sociedade, neste caso á comunidade universitaria, sobre  a problemática ambiental existente e tentar que cada vez máis se tomen medidas para protexer e coidar o planeta.