DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Procedentes dos tres campus da UVigo

56 persoas participaron na ruta cultural polas fragas do río Barragán

Foi a segunda das andainas organizadas este curso académico pola Área de Benestar, Saúde e Deporte

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 08/11/2021

56 persoas procedentes dos tres campus da Universidade de Vigo participaron este sábado 6 novembro na segunda ruta cultural organizada este curso académico pola Área de Benestar, Saúde e Deporte. Foi, indican desde a organización, “unha andaina magnífica” que transcorreu polas fragas do río Barragán, en Pazos de Borbén (Pontevedra).

Cunha distancia de 18 quilómetros e unha dificultade media-baixa, a ruta circular que realizaron as e os participantes comezou e rematou en As Raposeiras e pasou por Freaza, Monte da Cidade, Fraga do Rei e As Lombas, gozando dunha “paisaxe de ribeira ideal para percorrer no outono, de corgas tapizadas dun verde musgo, rodeadas de carballeiras, pontellas, pontes e poldras”.

Dúas citas máis na programación

Seguindo coa programación de andainas deste curso académico, o 20 de novembro celebrarase a terceira das rutas culturais, que se achegará á Illa de Arousa (Pontevedra). Con 20 quilómetros de distancia e dificultade baixa-media, será, indican desde a organización, “un percorrido circular arredor da Illa de Arousa; unha oportunidade única para descubrir o complexo intermareal Punta de Carreirón, as súas praias e espazos naturais. Pero tamén a ocasión perfecta para visitar aldeas mariñeiras onde comprobar a convivencia harmónica secular do ser humano co medio”.

Por último, a programación deste primeiro cuadrimestre pecharase o 11 de decembro cunha andaina que leva por título Ermida de San Mamede-Pozo dos Mouros (Vilar de Barrio, Ourense). Cunha distancia de 15 quilómetros e unha dificultade media, desde a organización dos roteiros indican que é “unha das rutas de montaña máis fermosas que a día de hoxe poden facerse na serra de San Mamede, combinando as paisaxes de ribeira e prado no fondo do val, cos amplos horizontes e inigualables panorámicas do alto da montaña”. O itinerario que seguirán as e os participantes será Rebordechao, Pozo dos Mouros, capela de San Mamede e Rebordechao.