DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo GTI de atlanTTic colabora nunha iniciativa impulsada pola empresa Cisco

5G solidario co que lograr un Camiño de Santiago moito máis accesible

Un robot permite que persoas con mobilidade reducida ‘tele-camiñen’ ata Compostela

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Investigación
D. Besadío DUVI 02/06/2022

Chámase Santi e será os ollos e as pernas de Elisa, unha persoa con mobilidade reducida que, grazas a este robot, terá a posibilidade de completar o Camiño de Santiago ‘tele-camiñando’, gozando do que el vexa ao seu paso por terras galegas e sendo unha peregrina máis. O Grupo de Tecnoloxías da Información do centro de investigación atlanTTic da Universidade de Vigo é unha das entidades colaboradoras nunha iniciativa solidaria posta en marcha pola empresa Cisco na que máis de 400 empregadas e empregados da firma, procedentes de 21 países, completarán o último tramo do camiño recadando fondos para a Asociación Española contra o Cancro, AECC, e outras entidades e dixitalizando rutas para que sexan máis accesibles e sostibles.

“Santi é a nosa achega a este proxecto solidario. É un robot que se pode controlar sobre 5G, de forma que unha persoa con problemas de mobilidade ‘camiñe remotamente’ cos seus compañeiros e compañeiras”, explica Felipe Gil, profesor na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigador do grupo GTI. Grazas a Santi, Elisa vai ter a oportunidade de entrar na praza do Obradoiro ‘tele-camiñando’ cos seus compañeiros de Cisco. “Ely non se pode desprazar desde Italia a facer o camiño, polo que se conectará a través da plataforma Webex de Cisco e desde ela verá o que ve o robot e poderao controlar, todo a través dunha conexión 5G ofrecida por Telefónica”, explica Gil.

Demostración en directo o 10 de xuño desde a praza do Obradoiro

Os empregados de Cisco España e outros 20 países máis camiñarán desde diversos puntos de saída ata Santiago de Compostela, completando as últimas etapas do camiño francés ou portugués do 6 ao 10 de xuño, cando terá lugar unha demostración en directo do funcionamento do sistema desde a praza do Obradoiro. A innovación tecnolóxica chegará nesta última etapa da man de Santi. Cando os camiñantes cheguen a Santiago, o venres 10, farano acompañados por este robot, modelo Go1 da empresa Unitree, equipado con cámaras de visión 360 e que está conectado á rede 5G de Telefónica, dotada cun grande ancho de banda de subida e un tempo de resposta inmediato, capacidades esenciais para habilitar o telecontrol baseado na tecnoloxía de Cisco, a Universidade de Vigo e Makenai.

Contribución viguesa ao proxecto

Desde o Grupo de Tecnoloxía da Información de atlanTTic encargáronse da parte técnica de integrar un robot cuadrúpede –bautizado como Santi porque el será os ollos e as pernas para camiñar ata Santiago- co sistema de videoconferencia de Cisco. “O obxectivo era conseguir que a persoa que non pode completar o camiño porque ten problemas de mobilidade poida ver o que ve o robot e controlalo remotamente e, para logralo, empregamos o sistema Webex, ao que lle engadimos unha especie de mando, realizado pola empresa Makenai, que permite controlar o robot”, explica Gil, ao que engade que tamén tiveron que desenvolver un software específico que permite tanto o envío de vídeo como o control remoto, “así como facer a integración de Webex”.

Exemplo de “utilidade inmediata” do traballo en laboratorio

Esta non é a primeira vez que o grupo GTI participa nunha iniciativa de corte social relacionada co Camiño de Santiago, fixérano xa con  PictoXacobeo, unha aplicación para Android deseñada especificamente para facilitar a interacción dos peregrinos con necesidades comunicativas especiais (trastornos da fala, comprensión lectora e escritora, dificultades da linguaxe, etc.), pero é a primeira vez que se unen a esta iniciativa de Cisco, na que estes 400 camiñantes aproveitarán os seus pasos e pedaladas para dixitalizar rutas e facelas máis accesibles ao tempo que se recadan fondos contra o cancro.

“As diferentes iniciativas solidarias nas que colaboramos son unha forma de conseguir que o traballo que realizamos no laboratorio teña unha utilidade inmediata”, apunta Felipe Gil, quen se refire a este caso concreto como “un pequeno gran de area nunha iniciativa que, por un lado, busca mellorar a accesibilidade do Camiño, e polo outro, a concienciación e a recadación de fondos contra o cancro”.