DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A segunda volta, caso de ser precisa, terá lugar o 15 de maio 

O 6 de maio a UVigo elixirá o seu sétimo reitor ou reitora  

A Comisión Electoral aprobou o calendario de eleccións á Reitoría e a representantes no Claustro

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Eleccións
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 28/01/2026

Coa publicación dos censos provisionais o vindeiro 11 de febreiro, abrirase o calendario de eleccións á Reitoría e a representantes no Claustro da Universidade de Vigo, que se celebrarán o 6 de maio. Así o acordaba a Comisión Electoral reunida nas últimas horas e que tamén fixaba o 15 de maio como data para a celebración dunha segunda volta, caso de ser precisa.

O que será o décimo proceso electoral á Reitoría que celebrará a UVigo na súa historia, permitirá elixir o sétimo reitor ou reitora da institución académica entre os tres candidatos que, ata o de agora, manifestaron a súa intención de concorrer ao cargo: as catedráticas Belén Rubio Armesto e Carmen García Mateo e o catedrático Jacobo Porteiro Fresco. Quen resulte gañador das eleccións sucederá á fronte da UVigo a Manuel Reigosa Roger, logo de dous mandatos de catro anos cada un, e farao por un período único de seis anos e tras un proceso electoral no que por vez primeira as candidatas ou candidatos que concorren non tiñan a obriga de ser catedráticos, aínda que si debían ter recoñecidos tres sexenios de investigación ou transferencia, tres quinquenios docentes, así como que ocupasen cargos de xestión unipersoais, cando menos durante catro anos.

O proceso electoral, que arrancará en dúas semanas, rematara, caso de ser necesaria unha segunda volta, o 28 de maio coa proclamación definitiva de resultados.

O calendario electoral: os censos

A Comisión Electoral aprobaba nas últimas horas fixar o inicio do calendario de eleccións á Reitoría e a representantes no Claustro coa publicación dos censos provisionais o 11 de febreiro, ao que seguirá o prazo de reclamacións entre o 12 e o 20 de febreiro e a publicación dos censos definitivos o 6 de marzo. No anterior proceso electoral, celebrado o 4 de maio de 2022, puideron exercer o seu dereito ao voto para elixir o reitor 20.494 persoas, das cales 907 eran do sector PDI-A (Profesorado doutor con vinculación permanente á universidade); 1076 do PDI-B (restante persoal docente e investigador); 16.697 estudantes de 1º e 2º ciclo e 1036 de 3º ciclo e 778 PAS (Persoal de Administración e Servizos). 

No caso das eleccións a Claustro, o número de membros da comunidade universitaria que, segundo os censos definitivos, podían exercer o seu dereito a voto en 2022 era de 20.121, 373 menos que no caso do proceso electoral a reitor, ao non participar o alumnado do Programa Universitario de Maiores na elección dos membros do máximo órgano de control e representación da comunidade universitaria.

Presentación e proclamación de candidaturas

Entre o 9 e o 13 de marzo a Comisión Electoral fixaba nas últimas horas o prazo de presentación de candidaturas, que o día 27 serán proclamadas de xeito provisional e o 16 de abril de forma definitiva, despois do prazo de reclamación que terá lugar entre o 6 e o 10 de abril. A dia de hoxe, son tres as candidaturas presentadas á Reitoría: as encabezadas por Belén Rubio por H2040, Carmen García Mateo por Nós-Universidade e Jacobo Porteiro por ConSenso; fronte á candidatura única de Manuel Reigosa no proceso electoral celebrado hai catro anos e no que por primeira na historia da UVigo o electorado puido votar a favor ou en contra do candidato, que para revalidar o cargo tivo que obter máis votos ponderados positivos que negativos.

O proceso electoral que se celebrará este vindeiro mes de maio será o primeiro na historia da UVigo ao que concorren á Reitoría dúas candidatas, desde que no ano 1994 a catedrática Margarita Estévez Toranzo fose a única muller que se presentase a un proceso electoral como candidata do Grupo Aberto Universitario de Debate (Gaude), e que rematou coa elección como reitor de José Antonio Rodríguez Vázquez (1994-1998). Rodríguez Vázquez sucedeu a Luis Espada (1989-1994) á fronte da Reitoría da UVigo, que logo ocuparían Domingo Docampo (1998-2006), Alberto Gago (2006-2010), Salustiano Mato (2010-2018) e Manuel Reigosa (2018-2026). 

Campaña, votación e proclamación de resultados

O 17 de abril é data fixada no calendario aprobado pola Comisión Electoral para a presentación de equipos e liñas xerais do programa, mentres que entre o 20 de abril e o 4 de maio desenvolverase a campaña electoral. Tras a xornada de reflexión do 5 de maio, as votacións celebraranse o 6 de maio. Cómpre lembrar, que o voto para elixir a nova reitora ou reitor é ponderado, aplicando as mesmas porcentaxes da representación dos sectores no Claustro: 51% no caso do profesorado doutor con vinculación permanente á Universidade; 25% estudantado; 15% PTXAS e 9% o restante persoal docente e investigador. 

Se non fose precisa unha segunda volta, o 7 de maio terá lugar a proclamación provisional de resultados, que serían definitivos o 13 de maio, unha vez pasado o período de reclamacións fixado entre o 8 e o 12 de maio. Caso de ser necesaria unha segunda volta, a votación celebrarase o 15 de maio, quedando fixada a proclamación definitiva de resultados para o 28 de maio, logo do prazo de reclamación aos resultados provisionais que terá lugar entre o 19 e o 21 de maio.

Segundo se recolle nos artigos 3 e 4, respectivamente, do Procedemento para a elección de reitor ou reitora da UVigo, “será proclamado reitor/a, en primeira volta, o candidato/a que acade o apoio proporcional de máis da metade dos votos a candidaturas validamente emitidos, unha vez feitas e aplicadas as ponderacións correspondentes. Para o devandito cómputo non se terán en conta os votos en branco”, e  “se ningún/ha candidato/a a reitor/a acada o apoio necesario para ser elixido/a en primeira volta, procederase a unha segunda elección á que só poderán concorrer os dous candidatos/as que tiveran máis votos ponderados na primeira volta. Nesta segunda volta será proclamado reitor/a o candidato/a que obteña máis votos ponderados”.