DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves celébrase en Vigo a feira Emprego In Campus

70 empresas e institucións buscan talento universitario nos campus

A cita trasladarase ao Pavillón Universitario de Ourense o vindeiro mércores 22

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Institucional
D. Besadío DUVI 16/04/2026

Uns buscan neste encontro a súa primeira oportunidade laboral e outros o talento universitario necesario co que actualizar os seus cadros de persoal. Este xoves celébrase en Vigo unha nova edición da feira Emprego In Campus, un evento impulsado pola Universidade de Vigo para brindarlle ao seu alumnado a ocasión de coñecer de primeira man as oportunidades profesionais que ofrecen entidades de moi diversos sectores, públicos e privados, e de contactar directamente coas súas e seus responsables de selección.

Hoxe a cita celébrase en Vigo e a vindeira semana trasladarase ao campus de Ourense. Será no pavillón universitario de 10.00 a 18.00 horas o mércores día 22. En Vigo inscribíronse en total máis de 300 estudantes, aos que haberá que sumar os que se acheguen directamente aos postos durante toda a xornada. No caso de Ourense, hai xa outros 160 mozos e mozas anotados e o prazo de inscrición continúa aberto.

Coa participación do ámbito financeiro, tecnolóxico, xurídico, social...

Nesta edición a feira conta coa participación de 72 entidades, cunha presenza de 46 en cada campus. Delas, 22 repetirán tanto en Vigo como en Ourense, mentres que o resto da oferta adaptarase parcialmente ao perfil formativo de cada campus, co obxectivo de axustarse mellor ás titulacións e intereses do alumnado.

Os sectores representados son moi diversos e abranguen ámbitos como o financeiro (Abanca, Banco Sabadell, OVB Allfinanz…); tecnolóxico (Bahía Software, Balidea, Gradiant, NTT Data, Qindel Group, Redegal, Visual Microsystems S.A…); industrial (aceites Abril, Avigal, Ceamsa, Coren, Cupa Group, Grupo Profand, Zendal…); xurídico (Arias Avogados, Baltar, Garrigues, Lener, On Tax&Legal…); social (Atelier Social, Caser Residencial, Clece, Executivas de Galicia, múltiples colexios oficiais…); a consultoría (Auren, BDO, Deloitte, EY, PWC…) ou a administración pública (Axencia Estatal de Administración Tributaria en Vigo e Ourense, Garda Civil, Policía Nacinal, Ministerio de Defensa, Xunta de Galicia…). 

Visita institucional

A media mañá a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, realizou unha visita á feira, acompañados pola decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Dolores Garza; o decano de Ciencias Xurídicas e do Traballo, Pablo Grande; as decanas de Química e Bioloxía, Ángeles Peña e Mercedes Gallardo, e o vicedecano da Facultade de Bioloxía, Jesús Míguez.

Xa pola tarde, ás 16.00 horas, está previsto que tamén visite a feira o candidato á reitoría por ConSenso, Jacobo Porteiro.