Nun encontro organizado pola Cámara Mineira e a USC, co apoio da UVigo e o Inega
70 especialistas debaten no campus sobre transición enerxética e competitividade industrial
Abórdase o papel de España e Portugal como grandes produtores potenciais de minerais estratéxicos
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas da Xunta de Galicia, Pablo Fernández Vila, foi o encargado de inaugurar este venres no campus de Vigo a V edición do seminario SPERTUS, a Plataforma Ibérica de Transición Enerxética e Competitividade Industrial, un encontro de 70 especialistas dirixido a analizar os retos tecnolóxicos, industriais e sociais do cambio de modelo enerxético. Organizado pola Cámara Mineira Oficial de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, co apoio da Universidade de Vigo e o Inega, a apertura do encontro contou coa participación do presidente fundador de SPERTUS, o profesor da USC Luis Varela Cabo; a directora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, Elena Alonso Prieto, e o representante da Cámara Oficial Mineira de Galicia, Juan Ricoy Alonso.
A transición enerxética, entendida como a gran transformación das fontes e infraestruturas enerxéticas actuais por fontes e redes enerxéticas estables que contribúan á descarbonización é, tal e como se expuxo neste encontro, un gran reto mundial. A nivel europeo, significa non só a descarbonización, senón tamén a independencia enerxética, e supoñerá un importante reequilibrio da actual arquitectura da Unión Europea, que transformará aos países do sur, concretamente á península ibérica, nun importante centro enerxético do continente. Ao seu modo de ver, esta transición debe ser xusta, sen deixar a ninguén atrás e fomentando a solidariedade entre as rexións e os Estados membros da UE, neutralizando as profundas diferenzas de status rexional e de custos do proceso nas distintas etapas do seu desenvolvemento.
As materiais primas da UE, claves para afrontar a transformación
Na presente edición de Spertus o debate céntrase na necesidade de dispoñer das materias primas necesarias para esa gran transformación, convidando á investigación dos recursos dispoñibles en territorio europeo para reducir o risco de dependencia exterior; todo dentro do marco de desenvolvemento e aplicación dos criterios dunha minaría eficiente e sostible, compatible coa capacidade económica, a protección ambiental e a satisfacción das persoas, tanto dos propios traballadores e traballadoras do sector como da contorna. En concreto, abórdase o papel de España e Portugal como grandes produtores potenciais de minerais estratéxicos, como o litio, analizando os principais proxectos actuais e futuros a desenvolver conxuntamente.
Nas distintas mesas redondas afóndase en asuntos tan importantes como a seguridade enerxética, a mobilidade e o impacto social, así como as cuestións científicas e tecnolóxicas asociadas á transición enerxética, con especial atención ás iniciativas conxuntas sobre o litio e as materias primas, así como aos proxectos sobre o hidróxeno verde, e a como deben servir de panca para a súa industrialización en sectores tecnoloxicamente avanzados, promovendo unha maior cohesión europea.