DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizaron un percorrido polos muíños do río Loña, no Concello de Pereiro de Aguiar

80 persoas participaron no arranque das rutas culturais deste curso

É a primeira andaina universitaria desde a declaración da pandemia

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 18/10/2021

As rutas culturais da Universidade de Vigo arrancaron estes sábado a súa programación do curso 2021/2022 cunha andaina polos muíños do río Loña, no Concello de Pereiro de Aguiar, ao carón da cidade de Ourense. 80 persoas procedentes dos tres campus da Universidade de Vigo participaron neste percorrido co que a Área de Benestar, Saúde e Deporte retomou unha actividade que estaba parada dese o inicio da pandemia.

Foi un percorrido de dificultade baixa e 17 quilómetros de distancia que arrancou e rematou no encoro de Cachamuíña e que pasou por Santa Marta de Moreiras, Loñoá e monte da Chaira. Segundo indican desde a súa organización, foi o roteiro de inicio de curso que máis participación acadou, o que, sinalan, amosa as ganas que tiñan as e os amantes das andainas universitarias de que volvese esta programación.  

Esta ruta cultural foi a primeira dos catro que se celebrarán este cuadrimestre. A segunda andaina será o 6 de novembro polas fragas do río Barragán, en Pazos de Borbén (Pontevedra). O 20 de novembro celebrarase o terceiro dos roteiros, que se achegará á Illa de Arousa (Pontevedra), e por último, a programación deste primeiro cuadrimestre pecharase o 11 de decembro cunha andaina que leva por título Ermida de San Mamede-Pozo dos Mouros (Vilar de Barrio, Ourense).