DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebrouse este mércores na piscina do campus de Ourense

81 estudantes competiron no Campionato Galego Universitario de Natación

A Universidade da Coruña foi a gañadora no cómputo xeral

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 06/04/2022

O piscina BeOne do campus de Ourense acolleu este mércores a celebración do Campionato Galego Universitario de Natación 2022, que contou coa participación de 81 nadadoras e nadadores procedentes das tres universidades galegas. No cómputo xeral, a Universidade da Coruña proclamouse gañadora da cita, con 261 puntos, seguida pola de Santiago de Compostela, con 233 puntos, e pola de Vigo, con 202 puntos. Esta última foi a que máis medallas de ouro acadou, dez en total.

Recuperar a competición

A cita estivo organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deportes da Universidade de Vigo coa colaboración de BeOne Ourense. Javier Rial, director técnico desta área, salientou a satisfacción da institución académica por acoller de novo esta competición e por volver a recuperar a súa celebración tras dous anos de pandemia. “Empezamos a retomar a posibilidade de facer o que nos gusta”, apuntou, recalcando a importancia de fomentar a actividade física tras o período vivido debido á covid-19. Este campionato, subliñou Rial, “é un punto de encontro para os universitarios de toda Galicia” arredor da natación e unha mostra do esforzo das áreas de deportes das tres universidades galegas “por traballar en equipo e facer comunidade, non estar illados cada un na súa universidade”.

Pola súa banda, Rodrigo Alberte Pivida, responsable da pola Área de Benestar, Saúde e Deportes no campus de Ourense, explicou que este campionato rota a súa celebración entre as tres universidades galegas anualmente e que “nas últimas edicións cando lle toca á Universidade de Vigo estase facendo nas instalacións do campus de Ourense”. Durante a pandemia, lembrou, “todo tipo de competicións colectivas estiveron suspendidas na Universidade de Vigo e nas demais universidades galegas” polo que destacou que “estamos bastante satisfeitos coa participación e coa resposta da xente a este campionato e con poder volver a ofrecer estas actividades”.

Ouros, pratas e bronces

A Universidade de Vigo, cunha delegación formada por 19 estudantes, acadou dez medallas de ouro, seis de prata e seis de bronce. A Universidade da Coruña, con 32 estudantes, acadou nove de ouro, sete de prata e once de bronce e a Universidade de Santiago de Compostela, con 30 rapaces e rapazas, conseguiu cinco de ouro, dez de prata e oito de bronce. Elas e eles competiron, tanto na categoría feminina como masculina, en 4x50 m, 50 m bolboreta, 50 m costas, 50 m braza, 50 m libre, 200 m libre, 100 m bolboreta, 100 m costas, 100 m braza, 100 m libre, 100 m estilos e 4x50 m estilos.

Dos 81 participantes 46 foron homes e 35 mulleres, todas e todos eles nadadores federados. “A xente que participa neste campionato é xente acostumada a competir”, indicou Rodrigo Alberte que destacou o bo ambiente que houbo na cita desenvolvida este mércores no campus de Ourense. Participar nesta actividade, indicou, ábrelle ás e aos estudantes unha porta para poder competir nos Campionatos de España de Natación Universitaria e suponlles un adestramento de cara a próximas citas deportivas. Ao ser unha competición interuniversitaria, dixo, “ten o valor engadido de que xente de diferentes universidades ten a oportunidade de convivir durante un día nunha das universidade galegas”.