DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun estudo realizado polo grupo Remoss, analizando os casos rexistrados ao longo de 18 anos

O 9% dos afogamentos en Galicia corresponden a intentos de suicidio

Esta porcentaxe ascende ao 14% no caso das persoas maiores de 65 anos

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 10/06/2026

A análise das historias clínicas dos casos de afogamento que tiveron lugar en Galicia ao longo de 18 anos permitiu aos investigadores e investigadoras do grupo Remoss constatar que o 9% destes episodios corresponden a intentos de suicidio. Esta porcentaxe ascende a preto do 14% no caso dos afogamentos de maiores de 65 anos, que foron ademais o grupo de idade con máis casos de suicidio ou intento de suicidio no período analizado. Concretamente, o 53% dos casos rexistrados neste período correspondíanse con esta franxa de idade, na que a taxa de mortalidade foi do 50%. 

O equipo investigador analizou os afogamentos que tiveron lugar en Galicia entre 2004 e 2021, co obxectivo de “identificar e describir as características e factores asociados aos afogamentos intencionais”, sinalan. Os resultados deste traballo recóllense nun artigo publicado na Revista Española de Salud Pública é constitúen “o primeiro estudo que hai en España” sobre este tipo de episodios, como explica o coordinador de Remoss e integrante do Instituto de Investigación en Ciencias do Deporte (Cidega), Roberto Barcala, un dos autores deste estudo xunto cos integrantes do grupo Patricia Sánchez Lloria, médica da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, e Martín Otero, profesor da Escola Universitaria de Enfermaría. Na investigación participaron así mesmo Santiago Martínez Isasi, Antonio Rodríguez Núñez e Ignacio Muñoz, da Universidade de Santiago de Compostela; Silvia Aranda, da Universidad de Barcelona; e Antonio Iglesias, da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061. 

O estudo parte da análise das historias clínicas dos 1083 casos de afogamento, mortal e non mortal, que neste período foron asistidos por unidades de soporte básico e avanzado do 061 e nos centros hospitalarios do Servizo Galego de Saúde. “Colléronse todas as historias clínicas e vimos onde había evidencia de que foran afogamentos intencionais”, explica Barcala, detectándose un total de 99 casos no período analizado, o 9% do total. Non obstante, os autores e autoras deste traballo apuntan tamén unha posible “subrepresentación de casos”, dada a dificultade para determinar se unha morte por afogamento é resultado dunha tentativa de suicidio ou dun accidente.

Incidencia da idade e da presenza de testemuñas

A análise destes 99 casos levou ao equipo investigador a pór o foco na incidencia da idade nun maior risco de suicidio ou intento de suicidio por afogamento, xa que o 53% dos casos correspondían a persoas de 65 anos ou máis, mentres que as situadas entre os 34 e o 64 anos representaban un 36% do total de vítimas, situándose no 9% a porcentaxe de persoas afectadas de entre 18 e 35 anos. No 60% dos casos, as persoas afectadas eran mulleres, o que contrasta, como apunta Barcala, cos afogamentos accidentais, no que a porcentaxe de vítimas masculinas é superior ás femininas.

En 63 dos 99 casos analizados, as persoas afectadas sobreviviron á tentativa de suicidio, mais os índices de mortalidade neste tipo de episodios presentan importantes variacións en función tanto da idade das persoas implicadas como da presencia ou non de testemuñas. “Os datos globais mostraron que, aproximadamente, nun de cada dous intentos de suicidio había unha testemuña presente”, sinalan os autores e autoras deste estudo, e nestes casos a porcentaxe de supervivencia foi do 95%, fronte ao 28% das persoas que afogaron en solitario. Obsérvase tamén unha maior porcentaxe de tentativas de suicidio sen testemuñas no caso das persoas maiores de 65 anos, que remataron en falecemento en máis da metade dos casos, mentres que a supervivencia das persoas afectadas roldou o 80% no caso das persoas de entre 34 e 64 anos, sen que se rexistrase ningún episodio mortal na franxa de 18 a 34 anos. De feito, recolle o artigo, “a maior parte dos afogamentos con fins suicidas en mozos ocorreron en contornas urbanas e en presenza de testemuñas”, mentres que no caso das e dos maiores tiveron lugar “principalmente no ámbito rural e sen testemuños”.

“Case a totalidade das vítimas” destes episodios, o 99%, eran persoas que “foran diagnosticadas previamente dalgún trastorno de saúde mental”, sinalan as autoras e autores do estudo, que leva a pór de relevo tamén, como apunta Barcala, a importancia da saúde mental. “O afogamento intencional é un problema de saúde complexo e pouco estudado, polo que deberían pórse en marcha estratexias de prevención e saúde pública para diminuír estas mortes evitables”, sinalan os autores deste estudo, que apuntan a importancia de implantar “programas de educación e concienciación que inclúan a identificación de risco de suicidio, incluíndo as contornas acuáticas”.