DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impulsados pola Vicerreitoría de Responsabilidade Social e o Consello Social

Aberto, ata o 15 deste mes, o prazo para presentar candidaturas aos Premios UVigo-Humana

Poden concorrer persoas ou entidades que teñan destacado nos eidos da solidariedade e a cooperación

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Premios
  • Institucional
DUVI 11/10/2021

Os Premios UVigo-Humana chegan este ano á súa terceira edición e están na procura de propostas e candidaturas para poñer en valor o traballo de persoas ou entidades a prol da solidariedade, a cooperación e o compromiso social. Estes galardóns, impulsados pola Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación e o Consello Social, naceron en 2019 da necesidade de integrar o compromiso da Universidade de Vigo cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Trata así a institución de visibilizar e apoiar o traballo desenvolvido por persoas físicas, institucións e organizacións non gobernamentais tanto galegas como internacionais e de fomentar o espírito solidario entre toda a comunidade universitaria. 

Nas dúas primeiras edicións, a Comisión de Valoración seleccionou propostas moi diversas que traballan en eidos e lugares ben diferentes. Así, en 2019 os Premios UVigo-Humana foron para a Asociación Enxeñería Sen Fronteiras Galicia e para o Foro socio-educativo Os Ninguéns. O ano pasado o xurado apostou pola asociación Provivienda e do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Presentacións, ata o día 15

Para esta terceira edición, o prazo de presentación de candidaturas estará aberto ata o día 15 deste mes, tanto para a categoría galega como para a internacional. As propostas poden ser impulsadas por membros da comunidade universitaria da Universidade de Vigo, institucións públicas, entidades educativas, culturais e sociais, ONGs ou persoas e institucións de recoñecido prestixio. Os únicos requisitos que deben cumprir estas propostas é que non sexan a título póstumo e que non se soliciten os premios para un mesmo. 

A convocatoria resolverase no prazo dun mes tras pechar o prazo de inscrición e aAs persoas ou entidades galardoadas recibirán un diploma acreditativo e un agasallo institucional no transcurso dun acto público, que terá lugar na segunda quincena de novembro, pero os premios non contan cunha dotación en metálico.