DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impulsados pola Área de Normalización Lingüística

Aberto ata o 23 de xullo o prazo de presentación de traballos para os Premios de Ensaio e Banda Deseñada

Cun galardón de 700€ en cada modalidade e dous accésit de 250€

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Cultura
M. Del Río DUVI 15/06/2021

O pasado verán, a Área de Normalización Lingüística da Universidade poñía en marcha unha nova iniciativa coa que ampliaba os seus premios anuais a nova modalidades e xéneros creativos: o ensaio e a banda deseñada. Agora este certame chega á súa segunda edición co obxectivo de fomentar o uso do galego en todos os eidos da cultura e completar así os premios de poesía, relato curto e tradución literaria, que teñen xa unha longa traxectoria e nos cada ano se acada unha destacada participación da comunidade universitaria”. 

Esta nova proposta organízase ao abeiro do convenio de colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia para a promoción da lingua galega e o prazo de presentación de traballos está aberto ata o vindeiro 23 de xullo. En total repartiranse 2400 euros, con dous primeiros premios de 700€ e dous accésit de 250€ por cada categoría. En ambos casos as obras deben ser inéditas e non ter sido premiadas noutros certames. Un xurado, presidido polo reitor e composto por persoas de recoñecida traxectoria nos ámbitos do ensaio e a banda deseñada, será o encargado de elixir as obras gañadoras, que serán publicadas pola Universidade de Vigo nun volume monográfico. Ademais, os premios entregaranse nun acto institucional.

Premio de Banda Deseñada

Na modalidade de banda deseñada as obras non poden estar publicadas total ou parcialmente en páxinas web ou redes sociais, libros electrónicos, revistas etc. Cada traballo presentado poderá ser escrito e debuxado por un máximo de dúas persoas autoras (unha como guionista e outra como debuxante). Dado que o certame se enmarca dentro do programa de dinamización da lingua galega, as obras deben estar escritas neste idioma. Por idéntico motivo, non se aceptarán obras mudas, ou aquelas nas que o uso de texto sexa marxinal, nin páxinas orixinais. Admítense traballos en branco e negro ou en cor cunha extensión mínima de 6 páxinas e máxima de 15, numeradas e con técnica libre.

Premios de Ensaio

Na modalidade de ensaio o tema será libre, cun mínimo de 2000 palabras e un máximo de 3000. Valorarase, nomeadamente, a reflexión e as achegas propias sustentadas na claridade e no rigor expositivo pero non se considerarán os artigos científicos nin os estados da cuestión sobre unha temática determinada.