Estréanse sete títulos: tres en Vigo, dous en Pontevedra e outros dous en Ourense
Abre a preinscrición para os 67 másteres oficiais da UVigo para o curso 2025/2026
As persoas interesadas poden inscribirse ata o domingo 6 de xullo
A Universidade de Vigo abriu este martes a preinscrición para os seus másteres oficiais para o curso 2025/2026, unha oferta que inclúe 67 títulos: 46 adscritos ao campus de Vigo, 16 ao de Ourense e 12 ao de Pontevedra, e que no seu conxunto supoñen un total de 1756 prazas repartidas en todas as áreas de coñecemento.
Destas 67 propostas, sete son de nova implantación: tres en Vigo, dous en Pontevedra e outros dous en Ourense. No caso de Vigo, estréase un mestrado en Literatura dramática, música e artes escénicas -presencial e con 25 prazas-; outro de Ensino de español como lingua estranxeira ou segunda lingua, interuniversitario, en liña e con oito prazas para cada universidade, e o Máster en Realidade estendida, semipresencial, conxunto coa universidade da Coruña, con 90 créditos e 10 prazas para a UVigo.
En Ourense a oferta de mestrados amplíase para o vindeiro curso con dous novos títulos: Economía Circular e Prevención e abordaxe multidisciplinar das drogodependencias e condutas aditivas, ambos de carácter interuniversitario, 90 créditos de duración e 10 prazas para cada un deles. En Pontevedra as novas opcións son o Máster en ciencia do exercicio, preparación física e readaptación -interuniversitario, con 60 créditos presenciais e 12 prazas- e Creación artística contemporánea, de carácter presencial, 60 créditos e 25 prazas.
Mención dual en Enxeñaría Informática e Telecomunicación
Ao marxe destas novas titulacións, as novidades chegan tamén dos mestrados en Enxeñaría Informática e Enxeñaría de Telecomunicación, que incorporan mención dual, o que facilita adquirir os coñecementos teóricos nas clases e lograr as competencias prácticas nunha empresa de forma simultánea. A maiores, prodúcese un incremento de prazas no Máster en Enxeñaría Aeronáutica, que pasa de 20 a 25, e no de Dirección e innovación da cadea de subministro, que pasa de 30 a 33.
Inscricións ata o 6 de xullo
A preinscrición manterase aberta na web da UVigo ata o vindeiro domingo 6 de xullo, á excepción do Mestrado Universitario en Profesorado en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas, que pecha prazo o luns 30. A listaxe provisional de persoas admitidas farase pública o xoves 17 de xullo e, a continuación, abrirase un período de reclamacións -do 18 ao 20-, e a listaxe definitiva coñecerase o mércores 23. O período oficial de matrícula será do 24 ao 27 de xullo.
De quedar prazas libres, convocarase un segundo prazo de preinscición (do 22 ao 27 de agosto) e, de ser o caso, un terceiro prazo (do 22 ao 24 de setembro).
Últimos días para preinscribirse nos mestrados propios
De maneira complementaria á oferta oficial de mestrados, a UVigo ofrece tamén para o vindeiro curso dous másters propios, adscritos neste caso ao seu Centro de Posgrao e Formación Permanente: Ciberintelixencia e ciberoperacións en sectores estratéxicos para a seguridade nacional e Enfermaría de práctica avanzada en urxencias e coidados intensivos. Neste caso o prazo de preinscrición pechará xa o vindeiro luns día 30 de xuño.
Dirixido a formar a unha nova xeración de profesionais capaces de afrontar os desafíos do ciberespazo e garantir a seguridade e defensa en sectores estratéxicos, o mestrado en Ciberespacio e ciberoperacións realizarase en colaboración coa multinacional española Indra. No caso do de Enfermaría de Práctica Avanzada en Urxencias e Coidados Intensivos a colaboración é co Hospital Ribera-Povisa, ofrecéndose en versión modular, podendo facerse cada un dos módulos -Experto en urxencia, emerxencia e coidados intensivos e Experto en abordaxe do paciente crítico- de maneira independente ou de xeito simultáneo.