DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Comeza en Belas Artes o ciclo de conferencias ‘Ceci n´est pas un project artistique’

Un achegamento ás particularidades das convocatorias artísticas a través de “éxitos e fracasos” 

Os investigadores Román Corbato e Marcos Covelo relatan as súas experiencias neste eido

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantado
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 16/10/2020

Como transformar unha idea nun proxecto artístico co que poder concorrer a diferentes tipos de convocatorias é o eixo do ciclo de conferencias Ceci n´est pas un project artistique, que desde este venres desenvolven na Facultade de Belas Artes os investigadores Román Corbato e Marcos Covelo. A estrutura e desenvolvemento dos proxectos, os seus aspectos conceptuais e técnicos ou os diferentes tipos de convocatorias ás que as e os asistentes poderían presentarse son algúns dos temas a abordar nas catro sesións deste ciclo, que terá como fío condutor unha serie de “exemplos propios de éxitos e de fracasos”, como salienta Corbato.

Cun aforo limitado a 30 persoas dadas ás restricións ás que obriga a covid-19, o ciclo botou a andar este venres cun coloquio centrado en primeiro termo en abordar, desde unha perspectiva xeral, en que consiste a elaboración dun proxecto. Todos eles, explicou Corbato, deben en primeira instancia “responder a tres preguntas, que quero facer, o que sería a idea e o concepto; como formalizo esas ideas, e como fago iso a través dunha temporalidade, dunha metodoloxía”. A partir deste marco, o coloquio detívose nas particularidades dos proxectos artísticos, como pode ser o seu “fin último, que implica unha liña de traballo e de pensamento diferente, entre como xero a idea e como a finalizo, que non segue as mesmas pautas que outro tipo de deseños máis utilitarios”. Ou tamén, como engadiu Covelo, a “dificultade da mediación entre a idea que temos e o procedemento para levala a cabo, porque ás veces esa materialización tampouco é tanxible, como por exemplo nunha performance”. 

Unha análise que parte das propias experiencias

“É indubidable que hai máis fracasos que éxitos, pero dos fracasos nacen os éxitos”, engadía Covelo respecto dun dos eixos do ciclo, abordar o desenvolvemento de proxectos para diferentes tipos de convocatorias a partires de casos concretos. “Pareceunos moi interesante falarlles non soamente de proxectos que fosen seleccionados ou premiados, senón da idea de reempregar, de que cando fas un proxecto e non é seleccionado, iso non significa que termine aí, xa que podes seguir desenvolvéndoo ou modificalo e adaptalo a outra convocatoria”, engadiu Corbato. Con esa idea, os artistas e conferenciantes van relatando, ao longo das catro sesións, casos concretos como un proxecto sobre cerámica que Covelo presentou recentemente “a tres tipoloxías distintas de convocatorias”, ou a experiencia de Corbato cun proxecto sobre “a idea do Antropoceno e a relación entre o natural e o artificial” que presentou a varias convocatorias. “Aínda non obtiven nada, pero doume conta de que, aínda que non hai nada feito, é algo que vou desenvolvendo, que ao final non deixa de ser unha investigación”, sinala.

Mais tamén haberá tempo para exemplos de traballos que si foron levado á práctica  como a intervención artística que en 2014 Corbato levou a cabo nunha urbanización de Monte Porreiro, como gañador dun concurso promovido pola facultade e a inmobiliaria Anida, ou o proxecto expositivo que desenvolveu, xunto con Miguel Benjumea, nas Torres Hejduck da Cidade da Cultura. Deste xeito, o ciclo permitirá afondar tamén en como se desenvolveron proxectos dos que “non había nada tanxible, materializados só nun escrito”, como o que Covelo desenvolveu en 2018 na Zona C de Santiago de Compostela, tras ser premiado nunha convocatoria do Concello. 

Tras esta primeira sesión, o ciclo continúa o luns cun coloquio centrado na metodoloxía de desenvolvemento dos proxectos, mentres que o venres 23 porá o foco no dossier artístico, no currículo e na importancia do deseño, pechándose a actividade o luns 26 cunha xornada dirixida a analizar diferentes casos destes “éxitos e fracasos”.