Carmen G. Mateo, Jacobo Porteiro e Belén Rubio detallan no Duvi as súas propostas
Acordos e desacordos das candidaturas á Reitoría sobre a situación e os modelos de xestión do PTXAS
Os tres candidatos participaron hoxe no primeiro debate sobre o persoal de administración
“O PTXAS é o esqueleto da universidade e durante oito anos tratóuselle como un gasto a xestionar e non como un activo a desenvolver”. “O noso proxecto aspira a unha organización de toda a Universidade moderna, transparente, dialogante, que xurda das negociacións e prestándolle moitísima atención ao atraso, abandono do PTXAS. Unha inxustiza”. ”Fixemos o noso programa reuníndonos con diferentes colectivos do PTXAS e a raíz diso vimos que había certa preocupación por algúns temas, que quixemos incluír e somos conscientes de que hai algunhas eivas na Universidade neste momento”. Con estas tres afirmacións de Carmen García Mateo, Jacobo Porteiro e Belén Rubio, respectivamente, comezaba o debate sobre o PTXAS da UVigo que este xoves se desenvolveu no paraninfo do edificio Ernestina Otero do campus de Vigo.
Ao longo de tres horas as candidatas e o candidato á Reitoría de H2040, Nós Universidade e ConSenso achegaron ás persoas presentes no paraninfo e ás que seguiron o debate a través de UvigoTV as súas liñas programáticas sobre o PTXAS en cuestións como a RPT, a carreira profesional e o emprego, a remuda xeracional, a conciliación ou a gobernanza participativa, ademais de responder a preguntas formuladas polos menbros do PTXAS a cuestións como o desequilibrio de gasto entre PDI e PTXAS, a formación, o papel da Xerencia, o acoso sexual ou a cobertura das baixas.
Ao fío da celebración este mediodía do primeiro debate que sobre o Persoal Técnico de Xestión e Administración de Servizos se organiza na historia da UVigo, os tres candidatos á Reitoría analizan no Duvi as súas principais propostas para este colectivo, que intregra a preto de 800 persoas nos tres campus.
Análise xeral sobre o PTXAS e prioridades das candidaturas
“Desencantado, esgotado e enfrontado entre si a causa de moitos anos de mala xestión” é a fotografía que o candidato de ConSenso, Jacobo Porteiro presenta o PTXAS, “tras múltiples xuntanzas que mantiemos”. Unha realidade ante a que, asegura, “a nosa prioridade é recuperar un bo ambiente laboral que permita re-aprender e re-imaxinar a administración que merece unha universidade pública punteira”.
Pola súa banda, a candidata de H2040 asegura que “o PTXAS se atopa nunha fase de cambio importante. Logo do proceso de funcionarización acometido nos últimos anos, é preciso poñer en marcha cuestións pendentes como a RPT ou a definición da carreira profesional”, sinala Belén Rubio. Para a candidata de H2040 o PTXAS “precisa de apoio específico na mellora de procedementos que eviten tarefas repetitivas, melloras na comunicación interna e un reforzo na escoita e diálogo co equipo de goberno”.
Para Carmen García Mateo o PTXAS está nunha situación “de estancamento. O cadro do persoal non medrou ao ritmo das necesidades reais da institución, a carreira horizontal segue bloqueada e a RPT non se revisou de maneira integral dende hai practicamente unha década”. Unha situación ante a que Nós Universidade propón: “desbloqueo da carreira profesional, aprobar un Plan de Ordenación de Recursos Humanos; iniciar unha revisión estratéxica da RPT; garantir a cobertura de baixas e vacantes e facer da formación un dereito real”.
RPT: unha necesidade urxente
Tras oito anos sen unha Relación de Postos de Traballo, as tres candidaturas á Reitoría coinciden en que é “unha necesidade urxente”. A candidata de H2040 incluso avanza “que podería ser efectiva nos primeiros 18 meses de goberno”, unha vez sexa consensuada coa representación sindical. “Queremos adaptala ás funcións e postos de cada servizo ou unidade e cun proceso en cinco pasos: identificación de procesos automatizables; desenvolvemento pilotado con ATIC; formación ao persoal afectado; implantación; revisión e mellora e avaliación polos usuarios”, detalla Belén Rubio.
Para Carmen García Mateo, “a UVigo non pode seguir adiando unha ferramenta básica de organización, nin repetir os erros do pasado e volver prometer unha reforma integral en seis meses”. A candidata de Nós Universidade propón nos primeiros meses de mandato abrir unha mesa específica cun calendario e un diagnóstico rigoroso de cada servizo. “O primeiro obxectivo é dispoñer dun organigrama funcional, para logo avanzar cunha proposta técnica completa, con memoria económica e plan de transición, pero sen quedar bloqueada pola lóxica do todo ou nada”, detalla García Mateo.
“A realidade é que a situación actual é grave e non admite máis demoras. Iso non quere dicir que sexa un tema a tratar á lixeira, consideramos que só se pode abordar unha nova RPT desde da proximidade, o diálogo e o consenso que se precisan para construír algo duradeiro”, asegura Jacobo Porteiro. O candidato de ConSenso avanza que baseándose nos fundamentos que rexen a súa proposta de goberno e na experiencia previa, “planificaremos e desenvolveremos de xeito colectivo dunha nova RPT para o PTXAS nun prazo de 12 meses, coa previsión de implantala nos doce meses seguintes”, enumera Porteiro.
Carreira profesional e remuda xeracional
En relación á carreira profesional e a posibilidade de poñer en marcha un sistema transitorio, Carmen García Mateo considera que a falta de avances nos últimos anos responde "á falta de prioridade política”, fronte a intención de Nós Universidade “que o considera algo central, apostando por un modelo que combine carreira horizontal e vertical”. A defensa dun sistema vinculado a competencias, responsabilidades e desempeño cun procedemento sinxelo, garantista e con dereito efectivo de revisión e alegación é o modelo defendido por Nós que tamén avoga por un recoñecemento retributivo real, implantado de maneira progresiva, sostible e con calendario coñecido. “Sobre un posible sistema transitorio, cremos que si, que é necesario”, afirma Carmen García Mateo.
Pola súa banda, o candidato de ConSenso, afirma que “as continuas demoras e atallos na xestión universitaria fixeron que vaiamos por detrás doutras universidades do SUG. A USC xa implantou un sistema transitorio no pasado exercicio e aquí aínda estamos falando de que, se o colectivo o aproba, podería pagarse a finais deste ano. Non o sabemos con certeza porque, máis ben, non se sabe con claridade cal é a capacidade real económica que ten actualmente a UVigo”. Jacobo Porteiro sinala que cara á implantación definitiva, a súa candidatura cre en modelos competenciais, transversais e funcionais, e “na configuración de itinerarios profesionais claros e ben definidos, todo iso moi ligado ao desenvolvemento da nova RPT do PTXAS”.
Mentres, H2040 formula unha carreira profesional dende o primeiro chanzo, comezando con OPES anuais que permitan reducir progresivamente a temporalidade. "Nese punto son precisos procesos selectivos áxiles, nun tempo máximo de un ano para evitar prolongar a interinidade e garantir a estabilidade, consolidando o colectivo en áreas estratéxicas e mediante probas de acceso actualizadas, máis acordes á realidade actual e sempre con procesos transparentes”. A partir dese punto, explica Belén Rubio, e mediante axustes de RPT adecuados e revisións bianuais dos postos de traballo “conseguiremos unha carreira profesional sólida, estruturada e transparente cun modelo horizontal e vertical con sistemas de avaliación claros, recoñecemento e progresión baseada na experiencia, nos méritos e na formación continua”.
No caso da remuda xeracional, coinciden as tres candidaturas na urxencia e prioridade de enfrontar este proceso, no que Carmen García Mateo aposta pola “planificación e a modernización da xestión das listas con ferramentas dixitais que axilicen e fagan máis transparentes os procesos”. Mentres, ConSenso defende unha planificación plurianual dos procesos de provisión, ligada a necesidades reais, estabilización das prazas estruturais e redución da temporalidade, “cun peso relevante da promoción interna”, explica Jacobo Porteiro. Pola súa banda, H2040 sinala que poñerá en marcha medidas que se concretan no Plan de Remuda Xeracional, “baseado nunha previsión detalla das xubilacións e cunha planificación pormenorizada en fases”, explica Belén Rubio.
O papel da Xerencia
Manuel Fernández Jáuregui, quen xa fora xerente a UVigo entre os anos 2010 a 2018, é a día de hoxe o único candidato á Xerencia coñecido, despois que ConSenso fixese público o seu nome. “Sempre tivemos moi claro que a persoa proposta para a Xerencia tiña que ser unha parte esencial do noso proxecto. Manuel achega experiencia, respecto, diálogo, proximidade, capacidade de traballo, moito traballo, e, por enriba de todo, rigor e profesionalidade”, afirma Jacobo Porteiro. O candidato de ConSenso amósase convencido de que Fernández Jáuregui “vai poñer en valor o traballo dos servizos e das unidades, reforzando unha administración profesional, coordinada e eficiente, afastada de estruturas paralelas e de dinámicas alleas ao funcionamento institucional que se foron consolidando nestes últimos anos”.
Mentres, Belén Rubio confirma que H2040 presentará a súa proposta no período electoral. “tal e como se demandou, precisamente, por parte do colectivo de PTXAS”. Unha figura que a candidata apunta que “vai ser chave na evolución futura do marco laboral de xestión da universidade e pensamos nun modelo de presencia en todos os campus e de diálogo permanente con todos os colectivos, mantendo o obxectivo prioritario de conseguir unha RPT pero sen perder o foco en todas as outras funcións e procesos que deberán xestionarse dende a Xerencia", detalla Rubio.
No caso de Nós Universidade, explica Carmen García Mateo, “descentralizaremos decisións, pero nunca a responsabilidade desas decisións. A persoa que asumirá esa responsabilidade achegará experiencia sólida en xestión económica e de persoal na administración pública, e ao mesmo tempo capacidade para traballar en equipo, dialogante, e con criterio propio, autonomía e sentido institucional”. García Mateo lembra que a universidade afronta en breve a negociación do novo plan de financiamiento, un proceso que liderará a Vicerreitoría de Estratexia, Gobernanza e Economía diretamente, “pero tamén esixe unha Xerencia capaz de traballar nese marco con visión e solvencia”.
