DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Continúan na UVigo os actos para dar a coñecer e concienciar á poboación sobre esta doenza

Alimentación saudable e exercicio físico poden axudar a controlar a endometriose

Seminario web co investigador Manuel Portela e a presidenta de querENDO Cristina Fernández

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Saúde
  • Cultura
D. Besadío DUVI 04/05/2021

Dous millóns de españolas sofren endometriose, 60.000 delas galegas, e o máis probable é que haxa moitísimas máis afectadas que aínda non o saben, pois o tempo medio de diagnóstico é de arredor de oito anos. Coñecida como a epidemia oculta, esta doenza, que afecta a unha de cada dez mulleres en idade fértil, caracterízase por provocar, entre outras moitas consecuencias, dor “crónica e constante”, que se prolonga máis aló dos días da regra e pode chegar a ser incapacitante.  Conscientes desta realidade desde o Centro de Investigación Biomédica da Universidade de Vigo, Cinbio, organizaron para este martes un seminario web co que dar a coñecer os trazos máis identificativos desta doenza e as últimas achegas que a comunidade investigadora está a acadar nesta liña e que poden, dalgún xeito, axudar a aquelas mulleres que teñen este problema. Refírense estes achados ao feito de que unha alimentación saudable e exercicio físico regular resultan claves para aliviar e mellorar a calidade de vida das pacientes.

Retransmitido en directo a través do Campus Remoto da UVigo e moderado pola xestora do Cinbio Noa Caramés, o obradoiro contou coa participación da presidenta da asociación querENDO, mulleres con endometriose, Cristina Fernández, que fixo unha presentación xeral sobre as principais características desta doenza, e do investigador do Laboratorio de Endocrinoloxía, LabEndo, Manuel Portela, experto en nutrición clínica, que centrou a súa intervención entorno á idea da alimentación e o exercicio físico como creadores dun contexto favorecedor para controlar esta doenza e sobre as diferentes maneiras de diminuír o hiperestroxenismo a través de achegarlle ao organismo os nutrientes necesarios, así como unha vida activa.

“Ter un intestino san é fundamental para mellorar esta patoloxía”

Segundo recalcou Portela no seminario, “ter un intestino san é fundamental para mellorar esta patoloxía”, pois se o intestino está san, a microbiota vai estar equilibrada, o que se traduce nun sistema inmunitario tamén regulado, algo clave para as mulleres con endometriose, máis propensas a padecer enfermidades autoinmunes.

“Dentro da potenciación de alimentos ricos en nutrientes sempre promovemos que sexan alimentos frescos, de temporada. A idea é non comprar tanto no supermercado e facelo máis no mercado”, explicou Portela, que fixo fincapé na necesidade de evitar, sempre que se poida, os produtos excesivamente procesados, apostar por unha alimentación o máis natural posible, que achega máis nutrientes, axuda á desintoxicación e a diminuír a inflamación. “É clave achegar todos os nutrientes necesarios para o funcionamento do corpo e, no caso que nos ocupa, axudarnos a mellorar os procesos de inflamación derivados dos ciclos hormonais femininos”, salientou o investigador, quen tamén fixo fincapé na importancia de realizar exercicio físico, apuntando cara ao sedentarismo como “unha posible causa da enfermidade”.

Entre os nutrientes aos que se referiu como esenciais, Portela recalcou a importancia dos ácidos graxos omega 3, presentes en alimentos como o bonito, as xardas, as sardiñas, os xurelos ou os chinchos, “peixe azul en xeral”, así como das carnes de pasto, ovos de galiñas libres, marisco... e de ir reducindo as graxas hidroxenadas artificialmente.

Campaña de concienciación e demanda de máis investigación

A celebración deste seminario web, organizado desde o Cinbio, chega tras unirse a Universidade de Vigo o pasado mes de marzo a unha campaña de concienciación sobre esta doenza, aínda moi descoñecida entre o público en xeral, pese a afectar a máis de 150 millóns de mulleres en todo o mundo. As actividades na UVigo comezaron cun acto simbólico de pegada de carteis na Facultade de Filoloxía e Tradución, un dos centros cunha maior porcentaxe de mozas entre o seu alumnado, e xa nese acto se adiantou a posibilidade de establecer un contacto máis directo entre a institución académica viguesa e a asociación querENDO. Desde a UVigo, a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, xa salientara que entre as liñas prioritarias de actuación atopábase, precisamente, a colaboración cos diferentes grupos de investigación do Centro de Investigación Biomédica, Cinbio.  “Queremos reivindicar que a ciencia e a investigación debe darlle a estas enfermidades o protagonismo que merecen, pois afectan a unha parte moi significativa da poboación”, salientou naquel intre a responsable da Unidade de Igualdade, unha idea que hoxe retomou no seminario Cristina Fernández, quen aproveitou este seminario para reivindicar “unha vez máis”, máis investigación sobre esta doenza. “Precisamos máis investigación, pois só así poderemos chegar a saber cales son as causas desta doenza e avanzar no seu diagnóstico e tratamento”, recalcou a presidenta de querENDO.