DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolleu un encontro no que se debateu esta cuestión

É a alta velocidade unha oportunidade real para todas as cidades ás que chega?

Participaron o presidente de COPASA, o xerente de Caldaria e o arquitecto Juan Cabanelas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 18/11/2022

É a alta velocidade unha oportunidade "real" para todas as cidades ás que chega? Con esta pregunta de fondo celebrouse este venres na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense a primeira edición dos Encontros no campus, centrado neste caso na temática do desenvolvemento e as infraestruturas. A cita, organizada polo profesor do centro José Ángel Vázquez Barquero, contou coa participación de José Luis Suárez (presidente da construtora COPASA), Juan Cabanelas (arquitecto do Estudio Cabanelas-Castelo) e Javier Soto (xerente do grupo termal Caldaria).

A cita foi presentada por Mª Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, que destacou que a chegada da alta velocidade a Ourense supón “un novo escenario e novas oportunidades” para a cidade e a provincia, subliñando como na súa opinión, “é un tren non debemos deixar pasar”. Pola súa banda, Vázquez Barquero explicou que esta actividade é a primeira duns encontros que, dixo, nacen con vocación de continuidade e co obxectivo de contribuír ao papel da “universidade como foro de reflexión e debate” e tamén punto de encontro entre a academia e a sociedade. O coordinador indicou que esta primeira actividade pretendeu suscitar o debate arredor de se o tren de alta velocidade é ou non un elemento de vertebración e desenvolvemento territorial para as zonas por onde descorre, poñendo sobre a mesa datos que non avalan esta premisa.

Reflexión e articulación

Na súa intervención, o presidente da construtora COPASA salientou que o AVE é “un medio de transporte de media/longa distancia que entra en competencia con outros medios de transporte”, no caso de España principalmente co avión, e que fai medrar “os desexos de mobilidade da xente”. Sobre os beneficios e oportunidades que xera para os territorios polos que pasa, salientou que no contexto español “non está clara a relación causa/efecto” da súa chegada co desenvolvemento das cidades ou zonas implicadas, subliñando que “é un medio de transporte e non cambia a realidade per se”. “O que nos toca colectivamente será identificar as necesidades colectivas que temos que resolver” para favorecer que o AVE contribúa nese obxectivo, dixo en declaracións aos medios.

Pola súa banda, o arquitecto Juan Cabanelas tamén incidiu na idea de que os efectos do AVE “van a depender do que os ourensáns sexamos quen de xerar”, polo que apostou por realizar “unha reflexión colectiva do que podemos ofrecer” de xeito competitivo como cidade e como provincia. Na mesma liña que os anteriores relatores, Javier Soto salientou que “temos vimbios suficientes para facer cousas boas” pero advertiu que o impacto desta nova infraestrutura dependerá de como se aproveite. Neste senso avogou por “pensar en clave provincial”, conectando a cidade coa provincia para aproveitar o potencial de aloxamentos e actividades que existe fóra da cidade de Ourense.