DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras superar a fase escrita participaron en Madrid na fase oral

Alumando do campus participa no certame Moot Court de Dereito Penal Económico e da Empresa

Unha das compoñentes acadou unha mención especial como letrada pola súa brillante exposición

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Ourense 29/04/2026

Un grupo da Facultade de Dereito do campus de Ourense formado polos estudantes Thais Díaz, César Salgado, Uxía Meixeira e Uxía Collazo, participou este mes no concurso Moot Court de Dereito Penal Económico e da Empresa, unha competición estatal de simulación de xuízos centrada neste eido xurídico. Dirixido polos profesores da Área de Dereito Penal da Universidade de Vigo Natalia Torres, José Arcos e Virxilio Rodríguez, o equipo “desempeñou un excelente papel” chegando a cuartos de final e recibindo unha das súas compoñentes, Uxía Meixeira, unha mención especial como letrada “pola súa brillante exposición”.

A competición, de carácter anual, estivo organizada pola Cátedra Extraordinaria da Avogacía da Universidad Complutense de Madrid (UCM) e o Colexio da Avogacía de Madrid, en colaboración co Departamento de Dereito Procesual e Dereito Penal da citada universidade madrileña. A primeira fase foi escrita e nela os grupos participantes presentaron dous escritos en relación cun caso práctico de dereito penal español económico e da empresa. A seguinte fase foi a oral, desenvolvéndose o xoves pasado en Madrid e nela o equipo da UVigo chegou a cuartos de final, sendo eliminado polo grupo da universidade anfitrioa e tras gañar a Pompeu Fabra. A viaxe a Madrid foi patrocinada pola Facultade de Dereito e polo Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia. 

Parabéns 

Desde a organización do equipo ourensán destacan a importancia do resultado acadado tendo en conta que o alumnado que participou da UVigo eran estudantes de segundo, terceiro e cuarto curso do Grao en Dereito e do Programa Conxunto ADE-Dereito, mentres que o equipo gañador e outros moitos estaban formados por estudantes de posgrao, “o que dá unha idea do nivel e da dificultade da competición, así como do éxito que en si mesmo supuxo clasificarse entre os oito primeiros para a fase oral entre un total de 29 equipos participantes”. Tanto o profesorado que dirixiu o equipo da UVigo como desde a Facultade de Dereito felicitan ao alumnado pola súa participación neste certame, pola súa implicación ao longo das súas diferentes fases e polo excelente traballo realizado, subliñando o enriquecemento persoal e formativo que supón para o estudantado a participación neste tipo de iniciativas.