DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun traballo sobre o mercado de bonos verdes no sector bancario español

A alumna Ana Mª Aido gaña o premio ao mellor TFG sobre Axenda 2030 convocado pola CRUE, AECID e a Fundación Carolina

Graduada en Dereito e Administración de Empresas, é alumna do Máster en Avogacía

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 29/03/2023

Graduada en Dereito e Administración de Empresas pola Universidade de Vigo e alumna do Máster en Avogacía por esta mesma universidade Ana Mª Aido Vázquez é a gañadora do premio ao mellor Traballo Fin de Grao dos IV Premios Universidad, Conocimiento y Agenda 2030, galardóns convocados pola Axencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo, AECID, a Conferencia de Reitores das Universidades Españolas, CRUE, e a Fundación Carolina e aos que se presentaron máis de 3000 candidaturas. “Para min a concesión deste premio foi unha grata sorpresa, xa que non esperaba que o meu TFG resultase gañador”, explica a alumna, autora do traballo A rendibilidade sostible dos Bonos Verdes, proxecto titorizado pola docente do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade Sonia Margarita Rodríguez Parada.

O xurado dos premios eloxiou a “orixinalidade e innovación” dos traballos galardoados, a súa fundamentación técnica e calidade académica, así como a súa contribución ao avance dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, ODS, da Axenda 2030. No caso do TFG desta alumna viguesa afóndaseno no estudo da que está considerada unha das ferramentas financeiras máis eficaces para promover a denominada economía descarbonizada: a emisión dos bonos verdes. “Ana María foi capaz de acoutar un tema relativamente recente na literatura financeira e presentar unha análise descritiva que sintetiza o máis relevante desde a súa orixe, no ano 2007, ata a actualidade”, explica a profesora Rodríguez Parada, quen destaca, “sobre todo”, o esforzo desta alumna por superar unha visión exclusivamente teórica do tema e ofrecer unha faceta máis práctica, na que estuda, “con capacidade reflexiva”, a realidade actual do mercado de bonos verdes no sector bancario español. “Afortunadamente, é un tema que está cada día máis presente no panorama financeiro e Ana María, unha alumna excepcional. Un tándem perfecto!”, subliña a docente.

“Os Bonos Verdes son unha modalidade de débeda sostible que gañou moita popularidade”

Comezou a interesarse por diferentes temáticas relacionadas coas finanzas sostibles no último curso do Dobre Grao ADE-Dereito. “Tratábase dun tema descoñecido para min, no que non se afonda durante os estudos de grao, polo que espertou a miña curiosidade e, por iso, decidín investigar sobre o mesmo”, salienta a alumna, quen explica que “os Bonos Verdes son unha modalidade de débeda sostible que gañou moita popularidade nos últimos anos a nivel nacional e internacional”.

Como principais puntos fortes do seu TFG sitúa a súa visión teórico-práctica, xa que se trata dun traballo no que se presenta unha análise descritiva da débeda verde, “dende a súa orixe ata a actualidade, con perspectiva europea e española, pero no que tamén se ofrece unha faceta máis práctica, na cal se leva a cabo unha análise do mercado de Bonos Verdes no sector bancario español, no ámbito público e privado”.

Na actualidade Ana Mª Aido Vázquez está centrada no estudo do Máster en Avogacía, pero no futuro non descarta continuar investigando sobre algunha liña temática ligada á Axenda 2030, xa que “é un ámbito que considero de grande importancia e moi interesante”.

Diploma acreditativo e publicación do estudo

Xunto ao TFG de Aido Vázquez, premiouse tamén o mellor Traballo de Fin de Mestrado, concedido neste caso a Katherine Quispe, alumna da Universitat de Barcelona, polo traballo Mujeres STEM: Motivaciones de las niñas chilenas de Educación Secundaria para escoger áreas de profundización relacionadas con las disciplinas STEM. Ambas estudantes recibirán cadanseu  diploma acreditativo subscrito polo persoal directivo das tres entidades convocantes e os seus traballos serán publicados baixo o selo destas tres institucións.