María Rodríguez foi galardoada na modalidade de Instagram
Unha alumna de Educación Social, premiada no certame de prevención de adiccións Tu Punto de Mira
Cun cartaz centrado nos xogos e apostas
Cada curso académico, alumnado da materia Intervención Socioeducativas nas Condutas Aditivas, que imparten os profesores Manuel Isorna e José María Faílde en cuarto curso do grao de Educación Social do campus de Ourense, participa no certame de prevención de adiccións Tu Punto de Mira. Nesta edición, a alumna María Rodríguez acadou o terceiro premio na modalidade de Instagram.
O concurso forma parte do programa Tu Punto, da asociación PDS-Promoción y Desarrollo Social, financiado pola Delegación del Gobierno para el Plan Nacional sobre Drogas (Ministerio de Sanidad) e que conta coa colaboración da Red Española de Universidades Promotoras de Salud, na que está a Universidade de Vigo. A iniciativa está orientada a informar e sensibilizar sobre os riscos asociados ao consumo de drogas e outras adiccións comportamentais, promover hábitos de vida saudables e a favorecer procesos de reflexión crítica sobre diferentes conductas aditivas. Nesta edición participaron 340 obras (217 vídeos de YouTube, 65 carteis de Instagram e 58 vídeos de TikTok) de 61 universidades españolas.
Concretamente, María Rodríguez gañou o terceiro premio no 5º Concurso de Carteis de Instagram de Tu Punto, dotado con 200 euros. Fíxoo cun cartel titulado Tu mejor jugada es el bienestar e que ten como lema Cambia las reglas del juego y apuesta por una vida mejor. A temática elixida é o xogo e as apostas e na imaxe convídase ás persoas que teñen esta problemática a adoptar unha vida saudable apostando por outros hábitos de vida.