DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso de extensión universitaria centrado no manexo do torno oleiro

O alumnado de Belas Artes continúa explorando as posibilidades creativas da cerámica

25 persoas participan neste taller promovido pola Vicerreitoría do campus

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 30/06/2022

O interese do alumnado da Facultade de Belas Artes por iniciarse nas técnicas de traballo coa cerámica foi o que motivou a posta en marcha, o pasado mes de marzo, dun obradoiro de extensión universitaria que posteriormente se viu continuado, no mes de abril, por un taller que afondaba no carácter sostible da cerámica, impulsado no marco da Semana da Creatividade e a Innovación. En ambos casos, estas actividades formativas completaron en pouco tempo a súa inscrición, como aconteceu tamén co curso O torno cerámico como ferramenta, que nestas semanas se desenvolve na facultade, coas súas 25 prazas cubertas tanto por estudantes de Belas Artes como por titulados e tituladas. Inserido na programación de cursos de extensión universitaria da Vicerreitoría do campus para este verán, trátase dun taller dirixido pola profesora Chelo Matesanz, que ten como docentes á ceramista Emilia Guimeráns e á egresada da facultade e técnica de escultura Teresa Pece e que busca guiar aos e ás participantes na realización dun proxecto persoal con cerámica.

“O torno é unha ferramenta moi útil, con moitas posibilidades construtivas dentro do proceso de creación en cerámica, aínda que é un pouco difícil de manexar”, salientan as responsables deste curso de 44 horas, que busca dar continuidade aos talleres anteriores, á vez que pór o foco no manexo desta ferramenta, dando resposta tamén ao interese manifestado polo alumnado da facultade por resta formación. De feito, para poder afondar no seu manexo, o curso contou coa colaboración da Concellaría de Benestar Social, que cedeu varios tornos para o desenvolvemento desta actividade.

Comprender “como a arxila se converte en cerámica”

Coa participación de alumnado “de diferentes perfís”, tanto estudantes actuais como titulados en Belas Artes de varias promocións, este curso é, como explica Pece, unha actividade formativa máis extensa que os anteriores talleres que a precederon. De aí que, ademais de iniciar ao alumnado no manexo do torno, o curso permite tamén afondar “noutras partes dos acabados cerámicos”, grazas tamén á participación como docente da ceramista Emilia Guimeráns. Profesora, desde hai máis de 25 anos, na Escola Municipal de Cerámica de Nigrán e directora do taller Tinglao en Vigo, Guimeráns é membro da Academia Internacional de Cerámica e participou na organización dos encontros internacionais de cerámica que tiveron lugar en Xapón e na India.

“En xeral, trátase de comprender o proceso de como unha arxila se converte en cerámica”, salienta Pece do propósito central dun curso para o que non eran precisos coñecementos previos e no que buscan dotar aos e ás asistentes de “ferramentas para poder continuar realizando proxectos de forma autónoma”. Nese senso, trátase dun curso fundamentalmente práctico, mais no que tamén se abordan as bases de cada proceso, “para que se adquiran os coñecementos e se comprenda o que se está a facer”. De aí que, dando prioridade ao traballo co torno oleiro, o curso abrangue tamén a abordaxe de diferentes técnicas de construción con cerámica, coa idea de que o alumnado poida indagar nas “posibilidades plásticas e escultóricas do material cerámico”, a través do estudo das arxilas, o uso da cor, os vidriados, o proceso de traballo cos fornos ou a aplicación de distintos acabados. Con esa mesma idea, propuxeron tamén aos e ás asistentes unha serie de “exercicios guiados” nas primeiras sesións do curso, co propósito de que estes deriven na preparación dun “proxecto persoal” ao longo do curso.