DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolverá as súas xuntanzas de xeito virtual, por mor da situación sanitaria

Alumnado de Belas Artes impulsa un club de lectura

Aberto tanto ao estudantado da facultade como a calquera persoa interesada

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 23/02/2021

“Penso que nestes momentos tan turbulentos e solitarios a lectura sería un bo salvavidas para a xente, non só a nivel cultural, senón tamén para crear comunidade e ampliar círculos sociais entre a xuventude”, salienta a alumna de Belas Artes Aisha Rey, impulsora dun club de lectura, aberto tanto ao alumnado da facultade como a calquera persoa interesada. Xurdido da iniciativa persoal desta estudante e membro da delegación de alumnado, esta iniciativa súmase aos clubs de escritura, cómic ou baile impulsados nos últimos anos polo alumnado de Belas Artes e, por mor da situación sanitaria, desenvolverá as súas xuntanzas de forma virtual, a través da rede social Discord.

“Os obxectivos do club son promover un hábito de lectura, crear comunidade arredor dela e diversificar o tipo de libros que le cada membro”, salienta Rey, que explica que esta iniciativa manterá “aberta permanentemente” a súa inscrición, a través do perfil de Instagram @arclubdelectura. “Pode apuntarse quen guste, pertenza á UVigo ou non”, engade a impulsora desta iniciativa, á que deu o nome de ARClub (Anti Reverte Club), como “unha broma pola satírica reputación do escritor, pero non como unha crítica” senón porque “pensei que así chamaría máis a atención”, recoñece.

Reunións virtuais

Con 12 inscritos e inscritas ata o momento, Rey agarda poder comezar en breve coas reunións este club, que se levarán a cabo a través de Discord, “varias veces ao mes se é posible”. Nestas xuntanzas virtuais, explica, comentarase o capítulo ou capítulos asignados para a sesión, “respondendo a preguntas abertas que presento e comentando as impresións de cada membro”. Segundo explica a impulsora desta iniciativa, o libro que centrará esa primeira reunión será escollido polos membros do club a partires dunha serie de opcións propostas por Rey e a partires de aí serán eles e elas os que realicen as propostas “e farase unha votación”.

“Gustaríame crear un club que, aínda que poida soar demasiado ambicioso, perdure na Facultade de Belas Artes cando eu marche”, recoñece Rey, para quen a súa “vivencia persoal nestes últimos meses” levouna a recuperar “a paixón pola lectura, e sentiríame profundamente orgullosa de poder ter ese efecto na xente”.