DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha conferencia ofrecida por Antonio Navarro, catedrático da Universidad de Sevilla

Alumnado do campus familiarízase coas diferentes tipoloxías de empresas exportadoras

A actividade celebrouse na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 05/10/2022

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acolleu este mércores unha conferencia sobre a tipoloxía de empresas exportadoras segundo os seu niveis de emprendemento internacional, ofrecida por Antonio Navarro, catedrático da Área de Comercialización e Investigación de Mercados e decano da Facultad de Ciencias Económicas y Empresariales da Universidad de Sevilla. O acto estivo organizado polo profesor José Antonio Fraiz, coordinador dos estudos de mestrado e doutoramento en Turismo da facultade ourensá.  

O alumnado e profesorado asistente ao acto puido coñecer, tal e como explicou o relator, “que non todas as empresas exportadoras son iguais, que son diferentes en base ás súas estratexias e á súa toma de decisións”. Así, sinalou Antonio Navarro, “existen diferentes grupos de empresas internacionais, que toman diferentes decisións, principalmente desde o punto de vista estratéxico, e que actúan de forma diferente nos mercados internacionais”. Concretamente, o convidado, cunha dilatada traxectoria investigadora de tres décadas na materia, expuxo as características de catro grupos principais de empresas exportadoras.

Catro grupos

O primeiro dos grupos apuntados por Antonio Navarro é o dos “verdadeiros exportadores globais”, que, dixo, “son empresas novas, de pequeno tamaño, que se internacionalizan rápido e a un ritmo elevado, entendendo por ritmo o número de países aos que exportan (un ou dous países adicionais cada ano), e as súas ventas internacionais teñen un peso por riba do 50%. Un segundo grupo de empresas internacionais sinaladas polo relator é o das empresas de internacionalización temperá pero concentradas xeograficamente, “que se internacionalizan rápido pero logo o fan a un ritmo lento (un país cada dous ou tres anos), as súas ventas internacionais non son tan elevadas (arredor do 30%) e concéntranse en poucos países”.

Na súa conferencia, Antonio Navarro tamén falou do grupo de empresas exportadoras “tradicionais” ou “conservadoras”, que “están máis orientadas ao mercado doméstico, de España, son de pequeno/mediano tamaño e internacionalízanse máis tarde, a un ritmo lento e cuxa ventas internacionais non superan o 15% aproximadamente”. Por último, o cuarto grupo de empresas citados foi o das “empresas que se ben non nacen globais vólvense globais: empresas de gran tamaño, cunha grande experiencia tanto xeral como internacional, que tardan moito tempo en internacionalizarse (máis de 30 anos) pero que cando o fan fano a un ritmo moi rápido (de tres, catro países por ano) e cuxa ventas internacionais superan o 60%”.