DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha campaña para a asociación En Negro Contra as Violencias

O alumnado de CCSS e da Comunicación suma a súa creatividade a loita contra a violencia machista

Foi realizada pola axencia júnior de publicidade Freshysweet

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 20/11/2020

Nun momento no que a crise sanitaria dificulta levar a cabo múltiples iniciativas, as redes sociais poden constituír unha valiosa plataforma para a denuncia da violencia machista. Con ese punto de partida e coincidindo coa conmemoración, o vindeiro mércores, do Día internacional contra a violencia de xénero, a axencia de publicidade júnior Freshysweet, integrada por estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, desenvolveu unha campaña, conformada por unha serie de vídeos e imaxes gráficas, para a asociación En Negro Contra as Violencias. “Decidimos plasmar a campaña en redes, xa que hoxe en día case todo o mundo está conectado e é a vía que vimos máis efectiva”, salienta Eva Varela, responsable de comunicación de Freshysweet. A iniciativa arrincou este mércores 18 coa difusión dun primeiro vídeo nas redes sociais e completarase o propio 25N, coa difusión do “vídeo final, máis amplo que as cápsulas previas”.

Despois de que o ano pasado esta júnior empresa entrase en contacto con esta asociación, da que forman parte diferentes concellos, empresas e colectivos, neste 2020, explican, “contactaron con nós para facer a campaña de forma colaborativa”, o que este grupo de alumnos ve como unha oportunidade de “axudar e ser conscientes da realidade que nos rodea”, así como de ·desenvolver a nosa creatividade e ideas a través dun pensamento crítico respecto dun problema social”.

“Dicir as cousas sen dicilas”

Esta iniciativa botou a andar o pasado mércores 18 coa publicación, nas redes sociais de En Negro Contra as Violencias e de Freshysweet, dun primeiro vídeo, que presenta a metade da cara dunha muller coa boca cuberta cunha vendaxe, “impedíndolle falar”, a primeira entrega dunha serie de publicacións que como sinala Varela, buscan pór de relevo que a violencia que se exerce contra as mulleres non é unicamente física. “Decidimos darlle peso á violencia psicolóxica, que apenas se ve, da que se fala menos e que, por desgraza, é a que máis existe a día de hoxe, sobre todo na xente nova”, salientan desde Freshysweet, que optaron por darlle prioridade ao son nunha campaña que, sinala Varela, busca “dicir as cousas sen dicilas”. De feito, non haberá voces en ningunha das pezas que se difundan ao longo destes días, definidas polo uso de sons e música e ´polos“movementos bruscos” de cámara.

“Queremos que as nenas que sofren violencia deste tipo, saiban recoñecela e poidan buscar axuda na súa contorna”, engaden desde Freshysweet dunha campaña que, a través desa ausencia de voces, busca que “cada quen poida recapacitar sobre as súas accións e sobre a sociedade na que quere vivir”.