DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso ofrecido polo grupo de investigación BV1

Alumnado de Ciencias familiarízase no laboratorio coas tecnoloxías de valorización da biomasa

Afondan no aproveitamento de residuos agroindustriais para a obtención de moléculas bioactivas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Académica
DUVI Ourense 03/11/2021

Desde principios de outubro e ata finais de novembro, alumnado de grao e doutoramento da Facultade de Ciencias do campus de Ourense asiste ao curso Experiencias prácticas para a valorización da biomasa. Nel, familiarízanse co traballo en laboratorio e con distintas tecnoloxías usadas para obter, a partir da biomasa, moléculas bioactivas.

Beatriz Gullón, investigadora do grupo de investigación Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos BV1 da UVigo, é a directora desta iniciativa, que forma parte da programación de obradoiros de extensión universitaria organizada este cuadrimestre pola Vicerreitoría do Campus de Ourense con financiamento da Deputación Provincial. Con 25 horas de duración, a actividade mestura docencia teórica virtual, a través do Campus Remoto da UVigo, e principalmente docencia práctica en laboratorio no edificio Politécnico. “Na parte práctica completamos a parte teórica, abordamos en laboratorio cuestións básicas relacionadas con esa parte teórica e amosamos como se realizan certas cousas a nivel experimental”, comenta a responsable do curso.

Sostibilidade e economía circular

Os obxectivos da formación, explican desde a súa organización, son proporcionar ao alumnado a posibilidade de desenvolver actitudes e habilidades propias do traballo de laboratorio; darlle a coñecer distintas tecnoloxías usadas para obter, a partir da biomasa, biocombustibles e compostos antioxidantes e achegarlle conceptos, fundamentos, retos e procesos da produción de bioetanol e os diferentes métodos para determinar a actividade antioxidante. A actividade tamén quere ofrecerlle ás e aos inscritos unha visión xeral das operacións de purificación empregadas na industria alimentaria e información básica para o procesamento de datos e a presentación de informes de investigación.

Sobre a relevancia desta actividade, a súa responsable lembra que na Facultade de Ciencias impártense graos de Ciencias Ambientais, Enxeñaría Agraria e Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e mestrados como os de Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental e Nutrición. Tendo en conta este contexto formativo, Beatriz Gullón comenta que “é importante que o alumnado saiba que o que a priori pode considerarse un residuo dentro dunha cadea produtiva, dos procesos de transformación dos alimentos, realmente pode non ser un residuos en si, pode considerarse un subproduto que realmente ten unha utilidade”. Así, explica a investigadora, a estes residuos “pódeselle dar un novo uso, para recuperar importantes moléculas bioactivas que se poden incorporar noutro punto da cadea produtiva”. Neste senso, o curso permítelle ao alumnado ver como de residuos que se xeran nos viñedos ou nas hortas, por exemplo, se poden sacar novos compostos útiles. Esta liña de traballo, sinala a coordinadora do obradoiro, enmárcase na aposta social por pasar dunha economía lineal a unha economía circular e facer máis sostible a industria alimentaria.  

Da teoría á práctica

A iniciativa esgotou as dez prazas dispoñibles, cifra limitada tal e como explican desde a súa organización debido a que se desenvolve principalmente de xeito práctico en laboratorio. O perfil das e dos asistentes é o de persoas que están a realizar o doutoramento ou traballos fin de estudos na Facultade de Ciencias. “Estamos moi satisfeitos coa resposta do alumnado”, comenta Beatriz Gullón despois de varias semanas de actividade do obradoiro. A programación arrancou cunha conferencia sobre a biomasa vexetal como un recurso ecolóxico, ofrecida por Danay Carrillo, persoal docente e investigador do Instituto Tecnológico y de Estudios Superiores de Monterrey (México). As demais sesións son ofrecidas polos membros do grupo BV1 Beatriz Gullón, Pablo García del Río e Remedios Yáñez, co apoio en laboratorio de Alba Pérez e Beatriz Rodríguez. Nas sesións de enfoque máis teórico abórdanse temas como a extracción de compostos bioactivos da biomasa vexetal; as técnicas para a purificación de compostos bioactivos obtidos a partir de biomasa vexetal e o tratamento de datos. Pola súa banda, as sesións en laboratorio céntranse en biocombustibles, na extracción de compostos antioxidantes e na purificación de compostos bioactivos.

A iniciativa enmárcase na liña de traballo do grupo BV1 da UVigo, que desenvolve diferentes proxectos de investigación neste eido, como o proxecto Avances cara unha biorrefinería sostible baseada na valorización de especies invasoras Biososinv (financiado pola convocatoria de 2019 de Proxecto de I+D+i de Retos de Investigación, do Ministerio de Ciencia e Innovación) e Tec-SosVal (financiado pola Xunta de Galicia), que explora a obtención de biomoléculas a partir de subprodutos do procesado do melón e da pataca. Ademais, a actividade dá continuidade a outras realizadas no edio formativo, como obradoiros e cursos de extensión universitaria. “O que tratamos é de darlle ao alumnado interesado uns coñecementos básicos de cousas que se fan en laboratorio tendo en conta as nosas liñas de investigación”, comenta por último Beatriz Gullón.