DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto de aprendizaxe-servizo do grupo de innovación docente IntaGer

Alumnado de Ciencias fomenta a alimentación saudable e sostible

Tras a formación e elaboración de materiais realizan charlas divulgativas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Saúde
  • Estudantes
DUVI Ourense 23/02/2026

O grupo de innovación docente IntaGer, da Facultade de Ciencias do campus de Ourense, está a desenvolver este curso académico o proxecto de aprendizaxe-servizo Alimentando un futuro sostible e saudable. A proposta combina formación, divulgación científica e acción social co obxectivo de reforzar os coñecementos en alimentación saudable e sostibilidade do alumnado universitario e ao mesmo tempo promover cambios reais nos seus hábitos, potenciando ademais súa participación activa en accións de divulgación científica.

A iniciativa está financiada a través da convocatoria a proxectos de aprendizaxe-servizo 2025-26 no marco da Axenda 2030 e dos seus ODS da Universidade de Vigo. O profesorado participante é Sidonia Martínez, Aloia Romaní, Beatriz Gullón, Francisco Javier Carballo, Pedro Miguel Ferreira e Pablo García. No desenvolvemento da actividade o protagonismo recae en alumnado do Grao de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e do Mestrado en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental, que é o que tras a súa formación executa as accións divulgativas. O proxecto conta ademais coa colaboración de varios centros da UVigo, como son a Escola Universitaria de Enfermaría, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, a Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Facultade de Educación e Traballo Social e a Facultade de Dereito.

Preocupación polo sobrepeso na mocidade

“A preocupación polo aumento do sobrepeso e a obesidade entre a mocidade universitaria, así como pola repercusión ambiental da produción e xestión dos residuos alimentarios, deu pé ao deseño deste proxecto de innovación docente”, explican desde a súa organización. O seu programa estrutúrase en tres fases (preparación, realización e avaliación) e baséase na metodoloxía de aprendizaxe-servizo, que combina aprendizaxe académica con compromiso social. Durante a fase de realización, o alumnado da Facultade de Ciencias implicado no proxecto recibe formación específica, elabora materiais didácticos, analiza guías e documentación científica e organiza actividades divulgativas en distintos centros da Universidade de Vigo, en formato de charlas, talleres ou xornadas tanto presenciais como en liña”, sinala o grupo organizador.

Tras formarse e elaborar os materiais, o alumnado desenvolveu unha primeira acción na Facultade de Educación e Traballo Social, coa colaboración do profesor Francisco Boán. Nesta sesión, os estudantes de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos impartiron varias charlas divulgativas, ademais de xogos participativos, dirixidos ao alumnado de Educación, nas que abordaron conceptos clave sobre alimentación equilibrada, cadea alimentaria, almacenamento axeitado dos alimentos, alimentación km 0, consumo responsable e impacto ambiental dos residuos. Ademais, a actividade, destacan desde a súa organización, “permitiu poñer en práctica as competencias de comunicación e divulgación científica que constitúen un dos piares da iniciativa”.

As accións previstas e as xa realizadas, sinalan desde o proxecto, permitirán que o estudantado participante aplique coñecementos científicos en contextos reais, traballe en equipo, desenvolva pensamento crítico e aprenda a transmitir información especializada a públicos non expertos. Ademais, subliñan, permítelle traballar nunha iniciativa aliñada coa Axenda 2030 e que “contribúe a diversos ODS, como produción e consumo responsables, acción polo clima, saúde e benestar ou enerxía limpa”.