DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dunha iniciativa da UVigo, o Consello Social e a Deputación de Ourense

O alumnado de concellos rurais da provincia pode beneficiarse de axudas de ata 1000 euros para o seu desprazamento ao campus

O prazo de solicitude remata o 27 de outubro

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Ourense 24/10/2022

Por segundo ano consecutivo, a Universidade de Vigo convoca, co apoio do Consello Social e da Deputación de Ourense, as bolsas Ourense Rural. O seu obxectivo é atender o custo económico que supón a realización de estudos universitarios oficiais para o alumnado empadroado en concellos rurais da provincia de Ourense distantes do campus ourensán e con dificultades de conexión a través de medios de transporte habituais.  

O importe máximo para esta convocatoria é de 26.000 euros, financiados pola Universidade de Vigo (10.000 euros); a Deputación de Ourense (outros 10.000 euros) e o Consello Social da Universidade de Vigo (6000 euros). No caso do órgano provincial, a iniciativa enmárcase no convenio anual existente entre a Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense para a promoción e o fomento de actuacións e programas en materia de cultura, educación e deporte, a desenvolver no campus de Ourense ou no ámbito territorial da provincia, e que redunden en beneficio da sociedade e do interese xeral da provincia.

A convocatoria recolle que esta iniciativa forma parte dun proxecto más amplo de extensión da UVigo ao rural, coa finalidade de apoiar o desenvolvemento endóxeno das comunidades rurais, e en especial ao estudantado universitario que alí reside. Así está en liña co Plan Estratéxico da UVigo 21-26, que inclúe entre os seus obxectivos “reforzar o liderado da Universidade de Vigo como axente de xeración e de transferencia de coñecemento e como motor de desenvolvemento social a través da cooperación con entidades públicas e privadas” e a acción “potenciar o rural como motor de desenvolvemento social”. Igualmente, a convocatoria está en consonancia con iniciativas como a Axenda 2030, a Cork 2.0 Declaration A better life in rural areas ou o RIO Observatory of Rural Research.

Contías e requisitos

As axudas previstas destinaranse a cubrir os gastos derivados do desprazamento desde o termo municipal da vivenda habitual do ou da estudante ata o Concello de Ourense. Serán dun máximo por estudante de 200 euros (para desprazamentos de 5 a 10 km); de 400 euros (de máis de 10 km a 30 km); 800 euros (de máis de 30 km a 50 km) e de 1000 euros (de mais de 50 km). O requisito xeral para presentarse é estar inscrita ou inscrito no padrón dos concellos da provincia de Ourense, distintos do Concello de Ourense, con 12 meses de antelación á finalización do prazo de presentación de solicitudes. Tamén se establecen diferentes requisitos económicos referidos á rendas dos membros da unidade familiar e do patrimonio familiar.

Polo que se refire aos requisitos académicos son estar matriculado en titulacións oficiais de grao ou mestrado en centros propios do campus de Ourense ou da Escola de Enfermaría de Ourense no curso 2022/2023 nun mínimo de 60 créditos ou da totalidade dos que lle permita a normativa da universidade, agás no caso de alumnado con discapacidade de grao igual ou superior ao 65 por cento que poderá reducir a carga lectiva ata un máximo de 50%. O alumnado tamén debe non estar en posesión ou non reunir os requisitos legais para a obtención dunha titulación do mesmo nivel ou superior ao correspondente aos estudos para os que se solicita a axuda.

Esta axuda é complementaria e compatible coa bolsa de carácter xeral do Ministerio de Educación e Formación Profesional convocada por Resolución do 10 de marzo de 2022 (BOE do 12 de marzo de 2022). Pola contra, é incompatible con calquera outra axuda da mesma natureza e para a mesma finalidade.  A solicitude realizarase a través do formulario en liña dispoñible na web da Universidade de Vigo, estando o prazo de presentación de solicitudes aberto ata o 27 de outubro de 2022 ás 23.59 horas (hora peninsular española). A persoa beneficiaria deberá estar matriculada na titulación oficial do campus de Ourense durante todo o curso académico 2022/2023 para poder manter a súa condición de bolseira.