DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun seminario celebrado este venres no campus

Alumnado de Dereito familiarízase co uso do galego no ámbito xurídico

Contou con conferencias do catedrático emérito Luis Rodríguez Ennes e da avogada Elsa Quintas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • Lingua Galega
  • Académica
DUVI Ourense 27/09/2024

A Facultade de Dereito do campus de Ourense celebrou este venres o seminario O dereito tamén en galego. A iniciativa, apoiada pola Área de Normalización Lingüística da UVigo e a Vicerreitoría do campus, enmárcase nas accións deste centro para a posta en valor e visibilización da lingua galega como ferramenta para o estudo no Grao en Dereito e o desenvolvemento de profesións xurídicas. A súa celebración tivo en conta ademais a conmemoración o pasado 26 de setembro do Día Europeo das Linguas.

O comité organizador da actividade estivo formado por Francisca Fernández Prol, profesora titular de Dereito do Traballo e da Seguridade Social e vicedecana e enlace de lingua galega da Facultade de Dereito, e Susana Álvarez, profesora titular de Filosofía do Dereito e decana deste centro. O seminario, ao que asistiu numeroso alumnado tanto da facultade como do Programa Universitario de Maiores do campus, estruturouse en dúas conferencias.

Da época romana á actualidade

A primeira foi A historia do dereito de Galiza, a cargo de Luis Rodríguez Ennes, catedrático emérito de Dereito Romano da Universidade de Vigo. Nela fixo un percorrido pola historia xurídica de Galicia, deténdose en momentos clave dela. “Verdadeiramente só se pode entender que existe un dereito propio de Galicia a partir da romanización”, sinalou. A castrexa, indicou, “evidentemente é unha cultura moi antiga, moi importante, pero é moi primitiva, nin sequera coñeciamos a lingua que tiña co cal menos vamos a coñecer o seu dereito”, engadindo que en todo caso “as normas que tiñan, loxicamente tiñan que ser moi primitivas”.

Por moitas razóns, explicou Rodríguez Ennes, “na época romana, Galicia tarda moito en romanizarse” e concédeselle a cidadanía romana a todos os habitantes de Gallaecia cara o ano 70, pasando o dereito romano a aplicarse integramente neste territorio. Esta aplicación, indica, continuou incluso na época dos suevos. No seu percorrido pola historia do dereito galego, o relator tamén dedicou especial atención a aspectos como o establecemento da Audiencia de Galicia, na Coruña, no ano 1480, e a primeira sentencia en galego, na segunda metade do século XX.

A segunda das conferencias foi Dereitos lingüísticos e supostos de práctica xurídica, con Elsa Quintas, avogada e vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística. Nela expuxo os dereitos lingüísticos da cidadanía na súa relación co mundo xurídico, debullando cada dereito a favor de empregar o galego recollido en todo tipo de normas e lexislación, desde a Lei Orgánica do Poder Xudicial ata a Lei do Contrato do Seguro. Como futuros operados no eido xurídico, xa sexa como avogados, procuradores, peritos ou xuíces, por exemplo, a relatora tamén introduciu ao alumnado asistente ao seminario no emprego do galego na práctica xurídica no día a día a día dun xulgado, desde o seu uso no estrado ata a tramitación dun procedemento en cada unha das xurisdicións. Neste senso fixo fincapé tamén nos aspectos que na práctica lastran este emprego, como a falta de medios materiais.