DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco dun proxecto de aprendizaxe servizo

Alumnado de Educación Primaria deseña propostas de fomento da lingua galega entre escolares

En colaboración co CEIP Mestre Vide

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Ourense 03/06/2025

Este cuadrimestre, alumnado do Grao de Educación Primaria da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense levou a cabo o proxecto Educar na diversidade, transformar a sociedade. Nel traballaron arredor da comunicación en galego e do seu fomento, desenvolvendo diferentes actividades destinadas a escolares.  

A iniciativa foi unha das elixidas na convocatoria de proxectos de aprendizaxe-servizo 2024-2025 no marco da Axenda 2030 e dos seus ODS, da Universidade de Vigo. Estivo coordinada polas profesoras Ana María Iglesias e Mercedes González e foi realizada no marco das súas materias de segundo e terceiro curso Lingua galega e Lingua e literatura: galego. No proxecto participou o CEIP Mestre Vide, sendo as propostas deseñadas traballadas con nenas e nenos de quinto e sexto curso de Educación Primaria dese colexio. Foi, indican as profesoras responsables, “unha experiencia moi enriquecedora na que uns e outros puidemos compartir e aprender”. 

Da teoría á práctica

O desenvolvemento do proxecto tivo dúas fases. Na primeira, o alumnado universitario traballou nas aulas da facultade as pautas para unha boa comunicación efectiva en galego e deseñaron actividades de xogos, contacontos e dramatizacións teatrais. Nunha segunda fase, fixéronse varias sesións no CEIP Mestre Vide nas que se abordaron con nenas e nenos pautas de habilidades comunicativas e se levaron a cabo as actividades de fomento da lingua galega deseñadas, realizando diferentes dramatización de contos sobre temas de actualidade e interese para as nenas e nenos presentes. 

A actividade, explican as súas promotoras, contribuíu a que o alumnado universitario traballase diversas competencias, sobre todo as comunicativas arredor da lingua galega, coa elaboración de pautas para un bo manexo dela. Ademais, grazas á súa posta en práctica en dramatizacións, as futuras e futuros docentes puideron ser “consciente da importancia da transmisión da mensaxe efectiva para que teña unha recepción positiva e significativa por parte do receptor”. 

Na actualidade, indican as responsables da iniciativa, “debido ao incremento do emprego das tecnoloxías, compróbase a crecente perda das habilidades comunicativas, destrezas fundamentais tanto no ámbito persoal coma no profesional e a nivel de sociedade. Un bo coñecemento e emprego destas facultades permitiralle ao noso alumnado mellorar en moitos aspectos fundamentais”. A isto, desde a organización engaden entre os beneficios desta actividade “a riqueza que supón para o noso alumnado do Grao de Educación Primaria establecer unha conexión directa cos grupos de alumnos e alumnas de Educación Primaria do CEIP, conexión que lles outorga unha visión e experiencia de primeira man coa realidade da aula dos centros educativos”.