Nunha exposición situada na entrada do Edificio de Ferro
Alumnado de Educación Social propón os seus decálogos para coidar o medio ambiente
A mostra foi inaugurada este mércores co gallo do Día Internacional da Terra
Desde este mércores e ata o 21 de maio, na entrada do Edificio de Ferro do campus de Ourense pode verse a exposición Que fas ti polo medio ambiente? Nela, alumnado de segundo e terceiro curso do Grao de Educación Social da Facultade de Educación e Traballo Social propón 35 decálogos para coidar o medio ambiente con pequenas accións diarias.
A exposición, que se celebra cada curso académico, foi inaugurada por Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor de campus de Ourense; Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social, e o profesor Ángel Manuel Vázquez Dorrío, responsable da iniciativa. Na súa intervención, o vicerreitor salientou o interese desta mostra xa que, explicou, “é importantísimo que o noso alumnado se involucre nas cuestións importantes da sociedade, como neste caso o medio ambiente”. Pola súa banda, a decana puxo en valor o traballo feito por alumnado e profesorado nunha proposta que, dixo, “permite visibilizar o que se fai dentro das nosas aulas e que teña impacto fóra delas, na comunidade educativa en xeral”.
Crear conciencia
“Aproveitando que hoxe día 22 de abril é o Día Internacional da Terra, que este ano se celebra baixo o lema Noso poder, noso planeta, inauguramos esta exposición para crear conciencia entre o alumnado e a poboación sobre os problemas medio ambientais que afectan ao planeta e que tamén nos afectan a nós”, comentou Ángel Manuel Dorrío. Destacando o bo trabalo feito polo alumnado nesta iniciativa, o profesor subliñou que, fronte a problemática ambiental, “o cambio non depende unicamente de grandes decisións globais, senón tamén dos hábitos cotiáns de cada persoa”.
Os materiais expostos foron elaborados polo alumnado dentro da materia de Educación Ambiental para o Desenvolvemento Sostible, impartida por Ángel Manuel Vázquez Dorrío. Cada un dos 35 carteis da mostra recolle de xeito didáctico e visual “diferentes consellos ambientais para o día a día, que calquera persoa a nivel individual pode realizar de xeito sinxelo”. Estes consellos abranguen propostas de acción para reducir o consumo, medidas de aforro de enerxía, mobilidade sostible, compostaxe, etc, como poden ser consumir produtos locais, ducharse en vez de bañarse, usar o transporte compartido ou separar o lixo na casa. A realización destes materiais permitiu a cada estudante sensibilizarse no eido ambiental, sensibilización que agora buscan trasladar tanto á comunidade universitaria como á cidadanía en xeral a través dos seus carteis.
