DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas conferencias celebradas este xoves no edificio Politécnico

Alumnado de Enxeñaría Informática explora as oportunidades profesionais que ten no eido docente e investigador

Persoal da escola explicou a súa traxectoria académica na Universidade

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 17/02/2022

Con taxas de pleno emprego no seu sector ao remate da carreira, o alumnado da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense enfróntanse ao seu futuro profesional cunha perspectiva chea de oportunidades. Co obxectivo de que alén do ámbito privado valoren como opción a docencia e a investigación, este xoves o centro celebrou unha xornada.

A sesión, que puido seguirse a través do Campus Remoto da UVigo, arrancou cunha conferencia titulada Currículum vítae para enxeñaría. Presenta o teu potencial, ofrecida por Reyes Fernández, técnica superior en Orientación Laboral da Universidade de Vigo. Nela, o alumnado asistente coñeceu as claves para facer do mellor xeito posible a presentación do seu perfil profesional a entidades públicas e privadas na busca de emprego ou na busca dun mellor emprego, facendo fincapé nas particularidades que ten o ámbito das enxeñarías no que se moverán.  

O acceso á docencia

A seu remate celebrouse a conferencia Docencia e investigación universitaria como futuro profesional, ofrecida por Adrián Seara e Pedro Celard, persoal docente e investigador do Departamento de Informática da Universidade de Vigo. No seu caso quixeron trasladar ao alumnado presente, baseándose na súa propia traxectoria persoal, o traballo que como enxeñeiras e enxeñeiros informáticos poden desenvolver no ámbito universitario. “O que quixemos foi explicarlle aos estudantes como teñen que facer se queren dar clases na universidade e como é o mundo da docencia e a investigación nela”, sinala Adrián Seara.

Neste senso, Adrián Seara, que leva nove anos como profesor na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, comenta que decantarse pola saída profesional da docencia “soe ser algo moi vocacional, tenche que chamar”, dada as numerosas opcións profesionais que teñen as e os egresados en Enxeñaría Informática no ámbito privado. A pesar da información dispoñible que hai na rede, comenta o profesor, “se non cho conta alguén que estea metido no tema, non é fácil para un persoa de fóra entender ao principio como é a carreira docente e investigadora na universidade e como se pode comezar nela”. Na súa intervención, Adrián Seara e Pedro Celard explicaron este proceso de acceso, a carga investigadora que vai asociada á figura docente e aspectos relacionados coa realización da tese de doutoramento.