Nunha iniciativa promovida no marco de ‘FAKELocal’, en colaboración con Newtral
O alumnado da Facultade de Comunicación iníciase na verificación de datos nos debates electorais das autonómicas galegas
Un libro impulsado ao abeiro deste proxecto afonda na desinformación no ámbito local
Coordinado polos investigadores do grupo CP2 da Facultade de Comunicación Xosé Rúas e Ana Belén Fernández Souto, o proxecto Mapa de la Desinformación en las Comunidades Autónomas y Entidades Locales de España y su Ecosistema Digital (FAKELocal) pon o foco nos efectos da desinformación nun ámbito pouco analizado, como é a política autonómica e local. No marco desta iniciativa e en colaboración con Newtral, un grupo de 15 alumnos e alumnas desta facultade fórmanse nestas semanas no manexo de técnicas e ferramentas de verificación de datos, pondo os seus coñecementos en práctica nun seguimento dos debates das autonómicas galegas. Tamén no marco deste proxecto financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, nestes días ve a luz un libro que afonda no impacto da desinformación na esfera local, realizado coa colaboración da Asociación Española de Investigación en Comunicación (AE-IC) e que reúne as achegas de 15 especialistas de diferentes universidades.
Da formación á posta en práctica
Inserido tanto nas actividades deste proxecto como nos labores de formación e alfabetización mediática de Newtral Educación, alumnado das tres universidades galegas participa nestes días nun Verificatón, dirixido a que o estudantado coñeza como se desenvolve un proceso de fact-checking coincidindo cos debates televisivos previos ás eleccións autonómicas. No caso da Facultade de Comunicación, 15 estudantes da materia do Grao en Publicidade e Relacións Públicas Técnicas de Comunicación Electoral, que imparten Rúas e Iván Puentes, sumáronse a unha iniciativa que abrangueu en primeiro termo unha xornada de formación sobre como comprobar, con datos e fontes, a veracidade das afirmacións realizadas no marco dun debate.
O obxectivo desta iniciativa, como sinala Rúas, é que puideran “adquirir destrezas e hablidades no fact-checking”, para logo polas en práctica nun seguimento en directo, xunto aos docentes da materia e representantes de Newtral, tanto do debate celebrado na noite deste luns como do que terá lugar o próximo mércores 14. “Foi algo interesante, porque é verdade que a desinformación é un tema que tratamos con bastante frecuencia na facultade, pero nunca o levaramos tanto á práctica”, sinala Noela Sanjurjo, unha das participantes nunha actividade que desenvolven a través dunha plataforma virtual, divididos en diferentes equipos. “Un grupo transcribía as frases, outro comprobaba se eran cuestións verificables ou se eran frases máis ambiguas e un terceiro ía contrastando a información”, engade Xulia Vicente, praticipante tamén neste hackatón electoral.
O impacto da desinformación na esfera local
Nas actividades de FAKELocal insírese tamén a publicación do libro El impacto de la desinformación en el ámbito local, promovido xunto coa AE-IC e que dá continuidade ás xornadas sobre esta temática celebradas o pasado mes de xuño na facultade pontevedresa. Coordinado por Rúas, Laura Alonso, da Universitat Jaume I, e Francisco Javier Paniauga, da Universidad de Málaga, o obxectivo deste libro “é ver como afectou o fenómeno global da desinformación no ámbito rexional e local, describindo algunhas das iniciativas e os recursos para combatela”. Editado por Fragua, este volume reúne as achegas de 15 expertos e expertas das universidades de Vigo, Santiago de Compostela, Sevilla, Navarra e Jaume I de Castelló, así como da Central European University de Viena e da Ponificia Universidad Católica de Valparaíso.
Como explican os seus editores, o volume estrutúrase en “tres grandes bloques temáticos”, dos que o primeiro pon o foco “na importancia dos medios de comunicación públicos para facer fronte á desinformación”. Un segundo apartado detense na incidencia desta problemática en España, con estudos que analizan os seus efectos nas eleccións xerais celebradas o pasado mes de xullo, a presenza de informacións falsas nos debates das autómicas andaluzas de 2022 e na análise dos “pseudemedios”, que difunden contidos falsos. Finalmente, o último bloque aborda tanto “as oportunidades e desafíos que teñen os medios locais para afrontar a verificación de desinformación”, como a actividade de diferentes plataformas de verificación, recollendo algúns dos resultados do proxecto de estudo dos fact-checkers iberoamericanos desenvolvido polo grupo de investigación Sepcom, tamén da Facultade de Comunicación da UVigo.