DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En dúas actividades celebradas este luns na facultade do campus

Alumnado da Fctou afonda na igualdade salarial e no sector turístico

Entre os relatores estiveron Xosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Ourense 28/09/2026

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo (Fcetou) do campus de Ourense organizou este luns dúas actividades destinadas a potenciar a formación do seu alumnado en dous ámbitos moi diferentes. Por unha banda, celebrou unha mesa redonda sobre a igualdade salarial, centrándose nos avances, retos e propostas desde a representación sindical, e por outra realizou un encontro-café con Xosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia, no que se abordou a situación do sector turístico ourensán e o Camiño de Santiago. 

Turismo e Camiño de Santiago

O primeiro dos actos levados a cabo foi unha nova sesión, a segunda, dos Professional Brunch da Fcetou, un espazo de encontro onde o alumnado pode coñecer de primeira man experiencias profesionais de interese para a súa formación e interactuar directamente con persoal directivo. Na súa presentación, o decano da facultade, Jesús Vázquez, puxo en valor como no seu centro se forma talento para o sector turístico a través de dúas titulacións “de longa e demostrada traxectoria”, como son o Grao en Turismo (e os programas conxuntos do grao de Turismo con Historia e con varias titulacións estranxeiras) e o Mestrado universitario en dirección e planificación do turismo interior e de saúde. 

Nesta ocasión, o convidado foi Xosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia, quen, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, dialogou co alumnado sobre a realidade actual do sector turístico galego, con especial atención á situación na provincia e na cidade de Ourense e ao Camiño de Santiago. O responsable salientou a colaboración existente coa Universidade e felicitou ao alumnado por ter escollido uns estudos de Turismo que “vos van levar a xestionar e a desenvolver unha carreira profesional nun dos sectores que máis está medrando" e que máis achega ao produto interior bruto de Galicia. 

No que atinxe ao comportamento turístico na provincia de Ourense, os datos expostos por Xosé Manuel Merelles indican que ata agosto de 2026 houbo un crecemento tanto no número de viaxeiros como nas noites. Nos oito primeiros meses, Ourense recibiu a visita de  242.803 viaxeiros, un 8,3% máis que no mesmo período do ano anterior, mentres que as noites ascenderon a 485.928, un 12,6% máis. A evolución dos mercados tamén mostra unha progresiva diversificación da demanda, segundo apuntou o director de Turismo de Galicia, referíndose aos distintos mercados pero especialmente o internacional que sumou 44.336 viaxeiros, un 23,2% máis con respecto ao mesmo período de 2025. O termalismo ocupou un espazo destacado no encontro, “pola súa relevancia para a provincia de Ourense e polo potencial que ofrece como elemento diferenciador da oferta turística galega”. Xosé Merelles explicou o Plan de Turismo Termal de Galicia 2025-2028, dotado con máis de 10 millóns de euros ata 2028 e subliñou a ampliación da oferta de turismo termal da cidade de Ourense e os novos proxectos nos concellos de Leiro e Cortegada. 

Outro dos eixos da súa intervención foi o Camiño de Santiago. No que vai de 2026, indicou Xosé Manuel Merelles, 454.669 peregrinos e peregrinas recolleron a Compostela, un 7% máis que no mesmo período de 2025. Neste contexto, o director de Turismo referiuse ao Plan Director dos Camiños de Santiago 2022-2027, dotado con 141,5 millóns de euros, e destacou o Plan de Seguridade Viaria dos Camiños de Santiago. O encontro permitiulle tamén explicar ao alumnado as distintas iniciativas que a Xunta está desenvolvendo para preparar o Xacobeo 2027, entre elas o Plan Director de Patrocinios e o programa O Teu Xacobeo, dotado con 3 millóns de euros para apoiar proxectos que poñan en valor recursos turísticos estratéxicos como a natureza, o patrimonio e a gastronomía. 

Igualdade salarial

Con motivo do Día Internacional da Igualdade Salarial o 18 de setembro, o centro organizou tamén este luns a mesa redonda A igualdade salarial: avances, retos e propostas desde a representación sindical. A actividade reuniu a alumnado e público interesado para “reflexionar sobre unha cuestión que continúa a ser un dos principais desafíos en materia de igualdade no ámbito laboral”. Na apertura da sesión, Jesús Vázquez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, salientou a necesidade de ante esta problemática, “pasar da teoría aos feitos”. Pola súa banda, a moderadora da mesa e profesora do centro Isabel Diéguez, docente da Área de Organización de Empresas e Recursos Humanos, destacou a importancia de que as e os futuros profesionais en dirección de empresas e xestión de persoas que es forman na Fcetou adquiran “unha visión crítica e comprometida coa igualdade retributiva” a través de iniciativas como a celebrada este luns. 

Na mesa participaron Dorinda González, secretaria xeral de CCOO Ourense-Valdeorras, e Celia Pereira, avogada de CIG-Ourense, que analizaron os avances acadados nos últimos anos, os obstáculos que aínda dificultan a igualdade retributiva e o papel da acción sindical, da negociación colectiva e da normativa laboral na redución da fenda salarial. As relatoras achegaron ademais exemplos e experiencias da súa práctica profesional, ofrecendo “unha visión próxima da realidade das empresas e das persoas traballadoras”. Durante o coloquio, púxose de manifesto que ferramentas como os plans de igualdade, os rexistros retributivos ou as auditorías salariais “constitúen non só obrigas legais, senón tamén instrumentos clave para promover organizacións máis xustas, transparentes e competitivas”.