DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha conferencia de Pilar Vega, impulsora da plataforma Descubreleyendas

Alumnado de Filoloxía e Tradución achégase ao lendario literario hispánico do século XIX

Salientouse a importancia de recuperar as tradicións locais para contribuír a impulsar o patrimonio

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Académica
D. Besadío DUVI 30/10/2020

Estudantes da Facultade de Filoloxía e Tradución tiveron este venres a oportunidade de coñecer de preto o lendario literario hispánico do século XIX, o gran momento de recuperación e transformación cultural da literatura popular oral. Fixérono asistindo a un encontro virtual coa profesora da Universidad Complutense de Madrid Pilar Vega Rodríguez, impulsora de Descubreleyendas, unha plataforma virtual dirixida a facilitar o acceso á bibliografía literaria e crítica dos textos máis relevantes da lenda literaria española do século XIX.

“As lendas e relatos tradicionais axúdannos moitísimo a dotar de significado os espazos porque o que producen nas persoas que as escoitan é a realización dunha viaxe temporal cara o pasado, unha viaxe na que comprendemos o que aconteceu, a orixe dalgunhas tradicións e costumes e, dalgunha forma, identificámonos con eses personaxes”, explicoulles a docente, quen fixo fincapé en que a plataforma achega unha perspectiva máis ampla e diversificada das propias tradicións, promovendo tamén o desenvolvemento de redes que facilitan a cooperación entre rexións en materia de turismo sostible.

Neste senso, a experta subliñou como todas esas historias recollidas na plataforma cohesionan  e identifican aos diferentes habitantes dun lugar, posto que todos son membros dese mesmo espazo. “Dalgunha forma recuperar esas tradicións e polas a disposición de calquera viaxeiro ou de calquera lector supón dinamizar ese patrimonio”, recalcou a docente, quen explicou que para a posta en marcha deste proxecto se recorreu, entre outras fontes, a guías de viaxe, dicionarios xeográficos e aos relatos publicados na prensa da época.

Posta en valor da xeografía literaria como recurso turístico

Na súa charla, organizada polo Departamento de Literatura española e Teoría da literatura, explicou como o patrimonio literario constitúeno tanto as manifestacións materiais como inmateriais, referíndose no caso das manifestacións materiais tanto aos textos e manuscritos como aos propios lugares nos que se produciron. Neste senso a experta puxo como exemplo a Casa de Cervantes, unha manifestación material dese patrimonio literario. Ao fío desta realidade a relatora puxo en valor as rutas literarias como unha das mellores maneiras para viaxar en compañía deses escritores e deses mundos que crearon a través da literatura.

En canto ao patrimonio inmaterial salientou a importancia da literatura popular oral, moitas veces inspirada en tradicións paisaxísticas e espazos concretos  e, por tanto, no momento no que se revitalizan as narracións, revitalízase tamén o propio patrimonio xeográfico. “A través deste proxecto queríamos resaltar a identidade narrativa que teñen os lugares, especialmente eses sitios nos que parece que non hai máis recurso turístico que o histórico”, subliñou Vega Rodríguez.

No marco dos novos estudos de xeografía literaria, a realización deste corpus bibliográfico e textual accesible en liña ofrece datos útiles non só para a configuración de rutas turísticas literarias e culturais, senón tamén para fomentar a colaboración na conservación do patrimonio cultural intanxible da península ao recuperar textos que non acostuman ser empregados nas páxinas web de información turística cultural.