DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Participaron o CEIP Curros Enríquez e o Colexio Maristas

Alumnado do Grao de Primaria desenvolve xogos musicais en varios centros educativos da cidade

Para moitos das e dos estudantes foi o seu primeiro contacto con escolares

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Visitas
  • Estudantes
DUVI Ourense 16/05/2023

Alumnado do Grao de Educación Primaria, da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, vén de desenvolver unha programación de xogos musicais en varios centros educativos da cidade, concretamente no  CEIP Curros Enríquez e no Colexio Maristas. Ao longo de varias sesións nos meses de abril e maio, as e os universitarios tiveron a oportunidade de pórse na pel de mestras e mestres e levar a cabo nunha contorna escolar real as súas propostas didácticas.

A actividade celebrouse no marco da materia Expresión e linguaxe musical, de segundo curso do Grao en Educación Primaria, coordinada por Lucía Casal, profesora da Área de Didáctica da Expresión Musical. Segundo explica a docente, “o alumnado universitario adaptou individual e grupalmente unha serie de xogos musicais, que se prepararon e ensaiaron na aula para posteriormente levalos a cabo nos centros educativos participantes”. Con esta proposta, detalla, “buscouse que o futuro profesorado xeralista de Primaria experimente o proceso do que supón adaptar xogos musicais para alumnado dos diferentes cursos de Educación Primaria de modo fundamentado, secuenciado e reflexivo, e saiba avalialos e achar propostas de mellora das adaptacións iniciais tras a súa posta en práctica no centros educativos”.

Lucía Casal subliña que con esta experiencia “demóstrase que aínda non sendo especialistas poden e deben usar a música nas súa práctica educativa, con variados fins para os que a música se presta con crianzas de Primaria: a mellora da atención, o adestramento auditivo, a relaxación, a discriminación auditiva, etc". Igualmente, indica que “foi especialmente relevante para o alumnado deste grao esta experiencia, pois para boa parte del esta foi a primeira práctica fóra da facultade, nun centro escolar, o que foi altamente valorado”. Por último, a coordinadora da actividade tamén indica a importancia de, con iniciativas coma esta, establecer “lazos coa comunidade e aproveitar os recursos da contorna para que as experiencias de ensino-aprendizaxe se dean en contextos reais e sexan o máis enriquecedoras posibles”.