Nunhas xornadas celebradas este venres no campus
Alumnado de Historia achégase á infancia das nenas no mundo antigo
O obxectivo da iniciativa foi visibilizar o papel das mulleres no pasado
Cada ano, a Área de Historia Antiga da Universidade de Vigo celebra unhas xornadas que teñen como obxectivo visibilizar algún aspecto concreto sobre o papel da muller na historia. Este venres, a Facultade de Historia do campus de Ourense acolleu unha nova edición desta iniciativa, que levou por título VII Xornadas olladas á Antigüidade. A infancia feminina no mundo antigo. A cita contou con catro conferencias doutros tantos investigadores e investigadoras de diferentes universidades e centros de investigación estatais sobre as nenas no mundo sumerio, no antigo Exipto, na antiga Roma e en Atenas.
Múltiples visibilizacións
Na apertura da actividade, Julio Prada, decano da Facultade de Historia, salientou que “nun grao xeralista como o noso de Xeografía e Historia, este tipo de xornadas permiten afondar en contidos nos que non hai tempo de entrar na aula”. A iniciativa, detallou, supón unha oportunidade tanto para visibilizar o papel da muller na historia como para dar a coñecer o traballo de novas e novos investigadores da Universidade de Vigo e doutras institucións académicas convidadas, e nomeadamente da Facultade de Historia ourensá.
Pola súa banda, Helena López, en nome da organización da actividade, explicou que as Xornadas olladas á Antigüidade céntranse cada ano en temas relacionados co xénero e as mulleres, escollendo nesta ocasión como foco de interese a infancia das nenas, un aspecto, apuntou, “moi relevante”. Con esta iniciativa, sinalou, ao mesmo tempo que o alumnado da Facultade de Historia “ve que a historia non a fan só os homes”, dáselle visibilidade á infancia, “á que normalmente non se lle dá tanto espazo” na abordaxe histórica. Ademais, a investigadora da UVigo puxo de relevo que nestas xornadas a temática elixida enfócase desde as diferentes culturas do Mediterráneo, pois, indicou, “moitas veces cando se fala de Antigüidade centrámonos moito en Roma e Grecia e aquí tamén intentamos sempre traer xente que investigue sobre próximo oriente e Exipto”.
A programación arrancou cunha conferencia sobre a infancia feminina no mundo sumerio a cargo de Armando Bramanti (Universidad Complutense de Madrid) e sobre as nenas no antigo Exipto, concretamente no xacemento de Deir el-Medina, a cargo da Iria Souto (Universidade de Vigo, CISPAC e CEPOAT). Completaron a actividade intervencións de Irune Valderrábano (Universidade de Santiago de Compostela) sobre os ritos relixiosos das nenas atenienses e de Borja Méndez (Universidad de Salamanca) sobre espazos, vulnerabilidade e representacións da infancia na antiga Roma. Ao longo das súas intervencións, as e os relatores abordaron en cada etapa as diferentes dinámicas de xénero na infancia en xeral pero principalmente materializadas en diferentes aspectos como o xogo, a casa ou os rituais relixiosos. A xornada rematou cunha mesa de debate.
