DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha visita celebrada este mércores ao campus

Alumnado do IES Valadares coñece os graos de Enxeñaría Agraria, Ciencias Ambientais e Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos

Participaron 74 estudantes de primeiro e segundo de Bacharelato

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 16/11/2022

74 estudantes de primeiro e segundo de Bacharelato de Ciencias do IES Valadares de Vigo visitaron este mércores a Facultade de Ciencias do campus de Ourense e puideron coñecer os tres graos que se imparten nela (Enxeñaría Agraria; Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Ciencias Ambientais) e os seus mestrados (Nutrición e Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental).

Na visita estiveron guiadas por María Fernández e María José Pérez, membros do equipo decanal do centro e persoal docente e investigador del. Elas foron as encargadas de explicar ao alumnado as titulacións que se imparten neste centro, nas que a facultade ourensá se sitúa entre as 500 mellores do mundo no Global Ranking of Academic Subjects (GRAS) 2022, máis coñecido como ránking de Shanghai por materias. Igualmente, percorreron os seus laboratorios (os de Bioquímica, Aerobioloxía, Microbioloxía e Enxeñaría Química) e puideron coñecer de primeira man a investigación que se realiza neles, precisamente un día despois de que se fixera pública a clasificación Highly Cited Researches (HCRs), elaborada por Clarivate, das e os investigadores máis citados do mundo e entre os que se inclúen Mirian Pateiro e Rubén Domínguez, formados nesta facultade, e Jesús Simal, catedrático e profesor deste centro, ademais de director do grupo AA1 de Investigacións Agroambientais e Alimentarias da UVigo.

“Este alumnado pronto terá que escoller que carreira quere facer e para elixir ten que coñecer as opcións que ten”, explicaron desde o equipo decanal do centro. Alén de falarlles das características da facultade, tamén lles presentaron as oportunidades que ofrece o campus de Ourense aos seus estudantes. O grupo de escolares estivo acompañado na visita tamén por profesorado do IES Valadares, entre eles a docente Mercedes Montes, que comentou que “iamos facer unha visita a Ourense co alumnado do Bacharelato de Artes e entón pensamos que os de Ciencias poderían vir a esta facultade e coñecer a oferta que teñen en Ourense, porque moitos deles este curso xa teñen que decidir que carreira ou estudos queren facer”. A relación entre este instituto vigués e a facultade ourensá non é nova e o IES Valadares foi un dos elixidos polo Grupo de Innovación Docente Mundo Microbio, da Área de Microbioloxía da Facultade de Ciencias, para participar anos atrás na iniciativa de divulgación científica MicroMundo, destinada a concienciar ao alumnado da importancia de facer un uso responsable dos antibióticos e despertar neles a vocación científica.