DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No evento final dun club de debate, no que tamén participou o alumnado do grao

Alumnado do IES A Xunqueira II e de Los Sauces pon a proba a súa oratoria en Dirección e Xestión Pública

Tres equipos debateron sobre os beneficios e ameazas dos avances tecnolóxicos

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 08/05/2024

Dando continuidade a un proxecto de innovación docente, a Facultade de Dirección e Xestión Pública impulsou no presente curso un club de debate dirixido a formar en oratoria tanto ao alumnado do grao como aos e ás estudantes dos dous centros que se sumaron á iniciativa, o IES A Xunqueira II e Los Sauces. Tras varias actividades formativas, nesta xornada chegou o momento de que os equipos integrados por estudantes de secundaria e da facultade puxesen a proba a súa capacidade de argumentación nun debate final, que tivo como eixe temático a afirmación de que “as tecnoloxías emerxentes son clave para o desenvolvemento sostible”, como explicou o coordinador desta iniciativa, o profesor Ignacio Fernández. Defender a postura favorable a esa afirmación, conectada á súa vez co Obxectivo para o Desenvolvemento Sostible (ODS) 17, foi responsabilidade do equipo do IES A Xunqueira II. No lado contrario, o estudantado de Los Sauces puña o foco nas “ameazas” que poden supor as novas tecnoloxías, asumindo o alumnado de Dirección e Xestión Pública unha “postura crítica”, na que debían refutar a argumentación dos outros dous grupos.

As intervencións introdutorias, refutacións e conclusións dos tres equipos foron avaliadas por un xurado integrado polos profesores Sara Torres e Fernando Martínez. Mais, como lembrou o decano, Enrique Varela, nesta iniciativa “non hai unha lóxica competitiva”, senón que é unha actividade na que o estudantado "está desenvolvendo unha competencia fundamental, como é a oratoria”. De feito, lembrou, este debate “condensa en pouco tempo todo un traballo previo”, que abrangueu diferentes actividades formativas, tanto na propia facultade, como nos institutos participantes, nos que Fernández impartiu unha sesión preparatoria. Deste xeito, a actividade pechouse sen que se proclamase un gañador, cunha entrega de trofeos e medallas aos tres equipos, que contou coa participación do deputado provincial Jorge Cubela.