DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro do programa Asiste-Ingbio e cunha duración de 18 meses 

Alumnado do Mestrado en Enxeñaría Biomédica participa, nunha iniciativa pioneira en España, no desenvolvemento de proxectos de investigación do IIS Galicia Sur

Co obxectivo de impulsar a innovación tecnolóxica e a transferencia en saúde

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • HR
  • Investigación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI 08/10/2026

Nove estudantes matriculados no Mestrado en Enxeñaría Biomédica da UVigo participan nunha iniciativa pioneira en España que lles permite integrarse durante 18 meses en  proxectos de investigación, cunha compoñente tecnolóxica en biomedicina e saúde, desenvolvidos por grupos do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS). O programa Asiste-Ingbio (Axudas para o Soporte á Investigación en Sistemas e Tecnoloxías mediante a contratación de Enxeñeiros Biomédicos), desenvolvido pola UVigo, o IISGS e a Área Sanitaria de Vigo, contempla a convocatoria de bolsas para o alumnado do Máster en Enxeñaría Biomédica da Universidade de Vigo, para que durante 10 horas semanais e 18 meses, realicen práctica titorizadas que fagan efectivo a súa aprendizaxe teórica en grupos de investigación do ISS Galicia Sur e achegando solucións, en moitos casos, a diferentes necesidades de servizos clínicos do hospital.

O programa Asiste-Ingbio presentábase oficialmente nas últimas horas no salón de actos do Hospital Álvaro Cunqueiro, nun acto no que participaron a reitora da UVigo, Carmen García Mateo; o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Francisco Javier Puente Prieto; a directora científica do IIS Galicia Sur, Eva Poveda López; e o coordinador de Enxeñaría Biomédica da Área Sanitaria de Vigo, Alberto Fernández-Villar. Unha presentación na que os representantes das institucións implicadas no desenvolvemento do programa destacaron a importancia desta colaboración institucional no ámbito sanitario que favorece a formación, a captación de talento e o fortalecemento das capacidades científicas.

Un programa, maioritariamente feminino 

Ao igual que ocorre coas persoas matriculadas no Máster de Enxeñaría Biomédica, a maioría de participantes no Programa Asiste-Ingbio son mulleres, que representan un 66% do  total do alumnado. I-Saúde en Atención Primaria, Neumoloxía (NeumoVigo I+I), Microbioloxía e Infectoloxía, Xenómica do Cancro, Enfermidades Raras e Medicina Pediátrica, Hematoloxía e Hemoterapia, Diagnóstico por Imaxe, CIES-CRIT (Coidados, Investigación, Evidencia e eStudio en CRITicos), e Innovación en Farmacia Clínica (i-FARMA-Vigo), son os grupos do IIS Galicia Sur nos que as e os nove estudantes do Máster en Enxeñaría Biomédica xa están a realizar as súas prácticas ao abeiro do Programa Asiste-Ingbio.

A doutora Ana Concheiro, xefa do Servizo de Pediatría do HAC e co-investigadora responsable do grupo Enfermidades Raras e Medicina Pediátrica do IIS Galicia Sur, compartiu, no acto de presentación oficial do programa, a experiencia favorable no seu servizo da incorporación de enxeñeiras biomédicas ofrecendo solucións a necesidades de funcionamento do servizo, estruturais ou de deseño de elementos para terapias aplicadas a este campo da saúde, e que, na súa opinión,  “poñen en valor a posta en marcha deste Programa”. 

Pola súa banda, Sofía Vilanova, enxeñeira biomédica alumna de segundo ano do máster e participante no Programa ASISTE-INGBIO, destacou súa experiencia persoal “ no deseño dun sistema de reserva e xestión de espazos de consulta para Pediatría .

Un exemplo de colaboración institucional

Na presentación oficial do programa, a reitora da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo, agradeceu o “excelente traballo” de todas as persoas participantes nun programa que definiu como “un caso de éxito xa consolidado e un bo exemplo de como entendemos e queremos potenciar a formación universitaria: conectando docencia e investigación, favorecendo as colaboracións e xerando oportunidades reais para o noso estudantado”. García Mateo salientou que é fundamental “seguir desenvolvendo un ecosistema atractivo” arredor da oferta académica da UVigo, capaz de “atraer alumnado acompañalo na súa formación e ofrecerlle posibilidades para desenvolver aquí todo o seu potencial”.

O xerente da Área sanitaria de Vigo, Javier Puente Prieto, salientou a importancia desta colaboración institucional, destacando a importancia de seguir este camiño conxunto entre enxeñería e biomedicina, para dar resposta a unha necesidade no ámbito sanitario. Pola súa banda, a directora científica do IIS Galicia Sur, Eva Poveda, resaltou  que a iniciativa “representa moi ben a forma na que entendemos a investigación desde o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur: colaborativa, interdisciplinar e estreitamente conectada coas necesidades reais do sistema sanitario”. Así mesmo, Poveda destacou que o Programa “reforza a colaboración entre entidades que integran o vínculo xurídico do IIS Galicia Sur: a súa Fundación, a Área Sanitaria de Vigo e a Universidade de Vigo, e permítenos transformar esa cooperación institucional en oportunidades concretas de formación, captación de talento e fortalecemento das nosas capacidades científicas.”

O doutor Alberto Fernández Villar, coordinador de Enxeñería Biomédica da Área Sanitaria e co-cordinador do Master en Enxeñaría Biomédica co catedrático da UVigo Juan Pou, destacou que “estes estudos dan resposta a unha necesidade existente, ao cubrir un perfil que non existía nos servizos clínicos. Tras a realización de experiencias previas detectouse que a colaboración con enxeñeiras e enxeñeiros cos diferentes servizos asistenciais era algo puntual e estrutural, observándose a necesidade de profesionais da enxeñería con perfil biomédico. A posta en marcha desta experiencia deu resultados moi bos, pasando a analizar a viabilidade desta opción e que agora  inclúe o Sergas”.