DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Financiada pola UVigo, a Deputación de Ourense e o Consello Social da Universidade de Vigo

O alumnado ourensá de fóra da cidade pode solicitar unha axuda para os desprazamentos ao campus

O orzamento total destas bolsas é de 26.000 euros

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Ourense 11/09/2024

Atender o custo económico que supón a realización de estudos universitarios oficiais de grao para o alumnado empadroado en concellos rurais da provincia de Ourense distantes dos campus universitarios e con dificultades de conexión a través de medios de transporte habituais. Este é o obxectivo da Bolsas de Desprazamento Ourense Rural-Grao, dirixidas ao estudantado de grao do campus de Ourense do curso 2024/2025.

A iniciativa conta cun orzamento de 26.000 euros financiados pola Universidade de Vigo, polo Consello Social desta institución académica e pola Deputación de Ourense. Neste último caso a colaboración enmárcase no convenio anual asinado entre o órgano provincial e a UVigo para a promoción e o fomento de actuacións e programas en materia de cultura, educación e deporte a desenvolver no campus de Ourense ou no ámbito territorial da provincia que redunden en beneficio da sociedade e do interese xeral da provincia. As bolsas, recóllese nas súas bases, forman parte do compromiso da UVigo co rural, co apoio ao desenvolvemento endóxeno das comunidades rurais e en especial ao estudantado universitario que alí reside.

Prazo ata o 25 de setembro

Son varios os requisitos para ser beneficiarios destas axudas. É preciso estar inscrito no padrón dos concellos da provincia de Ourense, distintos do concello de Ourense, con 12 meses de antelación á finalización do prazo de presentación de solicitudes. A alumna ou alumno tamén ten que estar matriculado en titulacións oficiais de grao en centros propios do campus de Ourense ou da Escola de Enfermaría de Ourense no curso 2024/2025 nun mínimo de 60 créditos ou da totalidade dos que lle permita a normativa da universidade, agás no caso de alumnado con discapacidade de grao igual ou superior ao 65 por cento que poderá reducir a carga lectiva ata un máximo de 50%. A data límite para realizar a matrícula será o 16 de setembro de 2024. Igualmente non pode estar en posesión ou non reunir os requisitos legais para a obtención dunha titulación do mesmo nivel ou superior ao correspondente aos estudos para os que se solicita a axuda. Por último, tamén é preciso cumprir unha serie de requisitos económicos referidos á renda e patrimonio familiar.

As axudas previstas destinaranse a cubrir os gastos derivados do desprazamento desde o termo municipal da vivenda habitual ata o concello de Ourense ata un máximo de 200 euros (cando a distancia é de 5 a 10 km); de 400 euros (de máis de 10 a 30 km); 800 euros (de máis de 30 e 50 km) e de 1000 euros (de máis de 50 km). A bolsa é complementaria e compatible coa axuda ao estudo UVigo e coa bolsa de carácter xeral do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.

A solicitude realizarase a través do formulario en liña dispoñible na web da Universidade de Vigo. O prazo de presentación está aberto ata o 25 de setembro de 2024.