DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o estudo que Susana Blanco realizou para a súa tese con preto de 250 estudantes

O alumnado portugués afronta con maior motivación que o galego os estudos musicais superiores

En Galicia, esta formación vincúlase en maior medida á tradición familiar

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Música
  • Investigación
DUVI Pontevedra 29/06/2022

“A elección dos estudos de música xeralmente responde a un perfil de alumnado moi vocacional e un dos retos aos que ten que enfrontarse este alumnado reside precisamente en manter a motivación para ir superando cada un dos niveis con éxito”. Deste xeito presenta a investigadora e titulada superior en música na especialidade de violonchelo Susana Blanco o eixo da investigación que desenvolveu para a súa tese de doutoramento, na que busca coñecer os factores que inflúen na “motivación académica” daqueles e aquelas que cursan estudos superiores de música, tendo en conta que “soamente unha pequena porcentaxe" dos que inician estes estudos “consegue finalizar o ciclo completo”. Coa participación de preto de 250 estudantes galegos e portugueses, a investigación pretende coñecer tamén se podía influír nesta motivación o feito de que os estudos musicais ocupen “un espazo ambiguo no ensino superior” español e formen parte do ámbito universitario en Portugal. “Os resultados evidencian unha maior motivación académica dos alumnos portugueses”, sinala Blanco Novoa, que explica que os estudantes lusos teñen unha “dedicación académica practicamente exclusiva” neste ámbito que non se dá nos galegos, quen, por outra banda, mostran maiores “vínculos familiares coa música” que os portugueses.

Defendida na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e dirixida pola catedrática Margarita Pino, a tese Motivación académica e autoconcepto musical do alumnado de ensinanzas superiores de música tivo como punto de partida a realización dunha serie de tests a 249 alumnas e alumnos, o 61% mulleres. Profesora de violonchelo en diferentes conservatorios de Galicia, un labor profesional que combina coa súa faceta como intérprete en formacións como Son Trío, Susana Blanco levou a cabo esta investigación con estudantes dos conservatorios superiores de Vigo e A Coruña, das universidades de Minho e Aveiro, da Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo do Porto e da Escola Superior de Artes Aplicadas de Castelo Branco.

O clima dos estudos non inflúe, si a propia percepción como músico

O obxectivo principal desta tese, explica Blanco, era afondar tanto na motivación académica como noutros dous conceptos directamente ligados con esta; o chamado “clima motivacional, o conxunto de estímulos que se reciben por parte de profesores ou individuos que se consideren de referencia”, e o “autoconcepto, a percepción que ten un individuo sobre as súas aptitudes, habilidades e competencia para a música”. Nese senso, unha das conclusións do estudo é que o clima motivacional non afecta de forma significativa á motivación deste alumnado, coa excepción dunha “leve” influencia do chamado “clima de tarefa”, que fai referencia ao fomento do “traballo cooperativo, mediante dinámicas que favorezan o grupo”. Pola contra, constátase a influencia do autoconcepto sobre a motivación académica, o que pon de relevo a importancia que ten esa consideración das propias capacidades musicais nunha “disciplina moi competitiva”, na que “hai unha constante exposición pública e comparación cos iguais”, como lembra Blanco. Nese senso,a investigación evidencia tamén “unha clara orientación ao logro”, á consecución dun determinado obxectivo, destes estudos, “o que se reflexa unha motivación intrínseca na que a recompensa é o logro en si mesmo”. 

Por outra banda, os resultados desta investigación amosan que o sexo do alumnado non implica diferencias en termos de motivación, pero que esta é maior no alumnado de máis idade. “Entendemos que por ser unha elección claramente vocacional”, apunta Blanco, que explica que, “en moitos dos casos”, trátase de persoas que xa cursaran previamente outros estudos universitarios non relacionados coa música. 

Diferenzas no marco normativo e no tipo de alumnado

“As conclusións máis destacables xorden a nivel comparado, onde os resultados evidencian unha maior motivación académica dos alumnos portugueses fronte aos que cursan os seus estudos no sistema educativo español”, subliña a intérprete e investigadora, que buscou coñecer como podería ter influído, en termos de motivación, a diferente evolución normativa que viviron os estudos superiores de música nestes dous países. Como explica, en España estes situáronse historicamente “no marco das ensinanzas artísticas de réxime especial, ocupando ambiguo no ensino superior”, de tal xeito que, aínda que a día de hoxe “á súa equivalencia é para todos os efectos a dun título universitario de grao, a non consideración universitaria sitúa estas ensinanzas nun segundo plano para diversos trámites administrativos, axudas ao estudante e recoñecemento social”. Pola contra, coa reforma educativa de 1983, en Portugal “refórzanse as escolas e conservatorios de música co obxectivo de estimular o ensino vocacional e sitúanse os ensinos superiores no espazo universitario” e impártense tanto en escolas superiores e institutos politécnicos como nas universidades.

Partindo deste marco, na investigación obsérvanse “múltiples diferencias” entre o alumnado español e o portugués, como a “dedicación case exclusiva” destes últimos aos estudos musicais. Como sinala Blanco, preto dun 40% dos estudantes de grao superior en Galicia cursaron previamente “outra carreira universitaria non relacionada coa música”, mentres que en Portugal esta porcentaxe é do 6%, o que mostra, como apunta Blanco, un dos “desafíos” aos que se enfronta o alumnado español, xa que, “por presión social ou por outros motivos, moitos optan por estudar previamente ou simultaneamente outros estudos alternativos”. Por outra banda, no estudantado galego obsérvase tamén unha maior “tradición familiar” co mundo da música, xa que máis do 50% do alumnado ten familiares vinculados a esta, fronte ao 30% dos portugueses.