DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Seis estudantes con diversidade funcional participan nesta iniciativa

O alumnado do Programa universitario para o emprego e a vida autónoma amplía a súa formación co visitas a entidades da contorna

Visitaron empresas como Unvi, Aceites Abril e o balneario de Laias

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Diversidade
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Visitas
  • Estudantes
DUVI Ourense 24/05/2023

Este curso académico, no campus de Ourense, seguindo o exemplo do campus de Vigo, púxose en marcha o Programa universitario para o emprego e a vida autónoma. Seis persoas con diversidade intelectual cursan desde novembro e ata xuño este título propio da Universidade de Vigo que ten como obxectivo ofertar ao seu alumnado competencias que melloren a súa autonomía, formación académica e preparación laboral como cidadás activos. Tras varios meses de formación principalmente nas aulas da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, as e os estudantes están a completar a súa formación con visitas a entidades da contorna, como as empresas Unvi, Aceites Abril e o balneario de Laias.

O título, que se insire dentro da oferta da Escola aberta de formación permanente, co apoio da Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade da UVigo, está financiado pola Fundación ONCE e cofinanciado polo Fondo Social Europeo. No campus de Ourense celébrase coa colaboración da asociación Down Ourense, entidade especializada na atención a persoas con Síndrome de Down e diversidade intelectual. A matrícula para o alumnado está subvencionada na súa totalidade. Para presentarse as e os estudantes tiveron que cumprir unha serie de requisitos, como ter unha idade comprendida entre 18 e 29 anos; unha discapacidade intelectual recoñecida igual ou superior ao 33%; estar inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil; acreditar estudos formativos preuniversitarios adecuados para o aproveitamento da formación; capacidade de poder desprazarse con autonomía ao campus e ter unha conduta social axustada para garantir unha inclusión axeitada nunha contorna inclusiva como é a universidade.

Formación na aula e fóra dela

As actividades formativas programa, coordinadas desde Down Ourense, realízanse ao longo do curso académico en convivencia cotiá coa comunidade universitaria no edificio Xurídico-Empresarial do campus, co obxectivo de acadar o enriquecemento mutuo que achega a diversidade. O alumnado recibe unha formación interdisciplinar para mellorar a súa empregabilidade e competencias sociolaborais e favorecer a súa inclusión, con 300 horas de docencia e 100 de prácticas. A formación compóñese dunha serie de materias troncais (como expresión e comunicación, cultura e sociedade, habilidades emocionais e matemáticas aplicadas) e materias específicas, como arte rupestre, turismo termal, informática, emprendemento e restauración. Durante o primeiro cuadrimestre, desde novembro ata finais de xaneiro, as e os estudantes cursaron as materias troncais, que se impartiron por persoal de Down Ourense na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo.

Neste segundo cuadrimestre, desde finais de xaneiro e ata finais de maio, combínase o ensino das materias troncais coas materias específicas, nas que participa profesorado da UVigo, que achega contidos propios das súas materias e que se complementan con experiencias prácticas na contorna. Entre estas experiencias prácticas estiveron nas últimas semanas visitas a empresas como Unvi, Aceites Abril e o balneario de Laias, entre outros, nas que estiveron acompañados polas profesoras da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo Elena Rivo, tamén vicerreitora do campus de Ourense, e Mónica Villanueva, tamén directora de área deste campus. Nas visitas, as e os estudantes puideron coñecer de primeira man as instalacións destas entidades, os traballos que nelas se realizan e os produtos ou servizos que ofrecen. “A experiencia está a ser moi enriquecedora para os participantes do programa, xa que poden experimentar de primeira man o que significa ser parte da contorna universitaria e vivir novas experiencias coma estas”, sinalan desde o programa.