DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas sobre a acción exterior de Galicia

Alumnado de Relacións Internacionais afonda na lusofonía

Contaron coa participación de Xosé Lago, Daniel González e Burghard Baltrusch

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Lingua Galega
  • Académica
DUVI Ourense 25/11/2025

A Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense celebrou este luns pola tarde a xornada Acción exterior galega: a lusofonía. A iniciativa quixo ofrecer ao alumnado do Grao de Relacións Internacionais e ao público interesado unha visión sobre a lusofonía, os países e territorios unidos pola lingua portuguesa. Nela participaron Xosé Lago, subdirector de Acción Exterior da Xunta de Galicia; Daniel González, director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), e Burghard Baltrusch, director da I Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo. 

A xornada foi organizada no marco das Axudas para actividades extraacadémicas e de difusión cultural da Vicerreitoría de Extensión Universitaria e estivo coordinada polos profesores da facultade Luis Velasco e Laura Movilla. A sesión, indican os seus responsables, centrouse “na análise da acción exterior galega no contexto da lusofonía, isto é, cos países e comunidades que comparten a lingua portuguesa, un tema de grande interese para o alumnado dunha titulación coma a de Relacións Internacionais e, aínda máis, nunha facultade como a nosa, situada en Ourense, tan preto de Portugal”. 

Tres visións

Segundo explican desde as xornadas, nelas Xosé Lago expuxo os principais eixos da acción exterior galega no contexto da Eurorrexión Galicia-norte de Portugal e no contexto máis amplo da lusofonía. Ao longo da súa intervención destacou o marco xurídico que a fai posible: a Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e os vínculos coa lusofonía, coñecida como Lei Paz Andrade; e a Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, que fai referencia ao carácter estratéxico da cooperación con Portugal e cos países da súa comunidade lingüística, que dedica o seu título IV á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e Lusofonía e que prevía a creación do Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade. Tamén subliñou que España, por impulso e iniciativa de Galicia, é membro observador asociado e varias institucións galegas xa figuran como observadores consultivos da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP), o organismo integrado polos nove países nos que o portugués é idioma oficial (Angola, Brasil, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Guinea Ecuatorial, Mozambique, Portugal, San Tomé e Príncipe e Timor Oriental). 

Pola súa banda, Daniel González situou á acción exterior galega no marco teórico da paradiplomacia e dos novos actores internacionais e fixo un percorrido polos principios fitos na historia acción exterior galega, especialmente en conexión coa lusofonía e facendo tamén referencia ao papel do Igadi. Finalmente, Burghard Baltrusch analizou ao que se referiu como “cuestións de (dis)funcionalidade” nas relacións entre Galicia e a lusofonía, incluíndo perspectivas críticas sobre o propio concepto da lusofonía e cuestións relacionadas co colonialismo. Na súa intervención, sinalan desde as xornadas, propuxo unha abordaxe “política-terapéutica” destas relacións e rematou o súa intervención con preguntas abertas sobre o futuros das mesmas.