A actividade terá lugar este xoves e venres no campus de Ferrol
Alumnado de Relacións Internacionais da UVigo participará nunha simulación do funcionamento das Nacións Unidas
A cita reunirá a un centenar de estudantes
Alumnado da Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense participa este xoves e venres en CouMUN, unha simulación do funcionamento das Nacións Unidas que por segundo ano consecutivo se celebra no campus de Ferrol, co que a Universidade de Vigo comparte este grao interuniversitario de Relacións Internacionais. A cita contará coa participación dun centenar de estudantes de catro universidades.
O Modelo de Nacións Unidas (MUN), que é como se denomina esta experiencia de aprendizaxe, terá lugar na aula magna da Facultade de Humanidades e Documentación e no salón de actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, da Universidade da Coruña. Ademais do alumnado de Relacións Internacionais da UVigo, nel participará estudantado de Relacións Internacionais, Dereito e Relacións Laborais e Recursos Humanos da Universidade da Coruña; de Relacións Internacionais, de Socioloxía-Relacións Internacionais e Experto en Desenvolvemento e de Socioloxía-Relacións Internacionais da Universidad Complutense de Madrid e de Farmacia da Universidad Francisco de Vitoria.
Na actividade, coordinada polas alumnas de Relacións Internacionais de Ferrol Sofía Castrillón e Teresa Hermida, o alumnado participante pasa a ocupar o lugar dos embaixadores e embaixadoras dos países membros das Nacións Unidas para debater sobre algúns dos temas de actualidade recollidos na axenda da ONU. Deste xeito, o estudantado, baixo a figura dun delegado ou delegada, prepara borradores de resolucións estratéxicas argumentativas e realiza negociacións con países aliados e adversarios, ademais de resolver conflitos botando man das regras do procedemento das Nacións Unidas.
Cinco consellos da ONU e unha organización internacional
Ao longo dos dous días, simularán un total de cinco consellos da ONU e unha organización internacional. No primeiro deles, o Consello Económico e Social, debaterán sobre os aranceis e o futuro do comercio global. No segundo, o Consello de Seguridade, afondarán no uso de armas nucleares e no proceso de desmilitarización do Ártico. Na terceira simulación analizarán o papel da organización internacional Unión Africana e estudarán como prever e resolver golpes de estado e conflitos internos en África. A Axencia da ONU para as Persoas Refuxiadas será a protagonista do cuarto consello, no que o alumnado analizará a crise humanitaria en Iemen e buscará o consenso para acadar unha resposta internacional para a protección das persoas refuxiadas. No quinto consello, titulado ONU Mulleres, debaterán sobre o impacto da crise actual en Afganistán no que atinxe aos dereitos das mulleres, e no sexto e último consello recrearán a asemblea xeral das Nacións Unidas.
O programa desta segunda edición do CouMUN inclúe unha conferencia inaugural, prevista para o xoves 27, ás 16.30 horas, da man da alta funcionaria internacional da Organización Mundial do Comercio (OMC) María J. Pereyra. Uns minutos antes, terá lugar o acto de inauguración co reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; o alcalde do Concello de Ferrol, José Manuel Rey, e a decana da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, Manuela del Pilar Santos.