DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Participaron 70 estudantes coordinados pola antropóloga Fátima Braña

Alumnado de Traballo Social colabora nun proxecto de análise do labor dos museos en Ourense e da súa vinculación coa comunidade

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Ourense 11/03/2026

Desde o ano 2018, a Área de Antropoloxía Social da Universidade de Vigo traballa nun proxecto de investigación sobre os espazos museísticos locais en colaboración co Centro Xaquín Lourenzo de Cultura Popular, da Deputación de Ourense. Este curso académico, alumnado do Grao de Traballo Social do campus de Ourense uniuse a esta iniciativa facendo as súas propias achegas de análise do labor dos museos e da súa vinculación coa comunidade. 

Arredor de 70 estudantes de primeiro curso deste grao, que se imparte na Facultade de Educación e Traballo Social, participaron no proxecto no marco da materia de Antropoloxía Social e Cultural, impartida pola antropóloga Fátima Braña. A súa participación, cun enfoque de experiencia de aprendizaxe-servizo á comunidade, partiu do traballo en aula arredor de conceptos básicos do proxecto (como museos, sociomuseoloxía, patrimonio cultural, inclusión e participación da comunidade) e co deseño de instrumentos para a recollida de datos, apostando polo sociograma como ferramenta para o coñecemento das e dos actores sociais e as súas relacións.

Olaría de Niñodaguia e Museo do Traxe

A actividade continuou para o alumnado co traballo de campo en varios museos ourensáns. O primeiro que visitaron foi o Museo-Taller de Alfarería de Niñodaguia, onde se somerxeron no patrimonio oleiro da zona co obxectivo de realizar un mapa sociolóxico do lugar, contando coa colaboración da Alfarería Agustín, que abriu as portas do seu taller ao estudantado para compartir a súa experiencia e coñecementos. O alumnado tivo a oportunidade de coñecer a olaría que se fai en Niñodaguia, pertencente ao concello ourensán de Xunqueira de Espadanedo e coñecido por ser un lugar emblemático na execución e mantemento das técnicas oleira dos cacharreiros, tamén coñecidos como xarreiros ou calleiros, que mantiveron a súa olería tradicional grazas á peculiar arxila do Monte do Barro, en Veigachá. Na visita, o estudantado puido facer unha viaxe ao corazón desta olería, visitar os antigos fornos e descubrir os seus usos. 

Tras Niñodaguia veu o Museo do Traxe de Santa Cruz de Arrabaldo, cunha visita guiada por persoal do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo. Nela, o alumnado fixo de novo un traballo de campo similar, con entrevistas, observación (do museo e a súa contorna) así como recollida de información dos textos do museo, que “ten como obxectivo pór en valor este elemento singular da etnografía en Galicia, exhibindo o amplo material relacionado coa vestimenta tradicional que ao longo dos anos foi recuperando a Escola Provincial de Danza Castro Floxo", integrada no citado Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo.

Rematadas estas visitas aos museos de recollida de información, o alumnado traballou na aula na análise da información e redacción de informes, que logo expuxeron e que pasan a enriquecer o proxecto da Área de Antropoloxía Social e o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo. “Co traballo realizado o alumnado de Traballo Social tivo a oportunidade de coñecer de primeira man espazos museísticos da provincia de Ourense e entender e reflexionar sobre a súa importancia como espazos de conexión co territorio e instrumentos para a intervención local”, apuntou Fátima Braña.