DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto de aprendizaxe servizo co Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar

Alumnado de Traballo Social implícase na promoción do benestar socioemocional en mulleres privadas de liberdade

Ao longo do cuadrimestre deseñarán e realizarán diferentes actividades con este colectivo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Saúde
  • Estudantes
DUVI Ourense 05/03/2026

Alumnado do Grao de Traballo Social, da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, está a desenvolver o proxecto Promoción do benestar socioemocional en mulleres privadas de liberdade en colaboración co Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar. Ao longo deste cuadrimestre deseñarán e realizarán diferentes actividades con este colectivo.

A iniciativa enmárcase no proxecto Educa na Diversidade, Transforma a Sociedade, coordinado por María José Vázquez, do Grupo innova_Transdisciplinar da UVigo e profesora da Facultade de Educación e Traballo Social, sendo beneficiario da convocatoria de proxectos de aprendizaxe-servizo da Vicerreitoría de Extensión Universitaria. Conta ademais co apoio da Área de Equidade e Diversidade e a Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia (ASEIA). Na actividade conflúe profesorado de tres materias, María José Vázquez e Ricardo Fandiño, da Materia Xénero, Violencia e Intervención Social (Área Psicoloxía Básica); María Celsa Pédiz, de Epistemoloxía do Traballo Social (Área do Traballo Social) e Katia Rolán, de Avaliación de Programas (Área de Métodos de Investigación Educativa). 

María José Vázquez explica que esta actividade é un traballo bidireccional e de colaboración entre o equipo de traballo do Centro Penitenciario Pereiro Aguiar e a Facultade de Educación e Traballo Social. Esta é a súa terceira edición, apuntando como “cada curso académico incrementase progresivamente o servizo ofertado para enriquecer as propostas que se achegan ás mulleres privadas de liberdade”. Sobre a dinámica desta iniciativa, a profesora explica que o estudantado é formado especificamente na facultade para poder deseñar un produto que responda especificamente á poboación que van a tratar. 

Coñecemento previo das problemáticas

“Primeiramente, a alumnado toma contacto coa evidencia científica de que as mulleres que están cumprindo unha medida xudicial en prisión tenden a presentar máis problemas de saúde mental que a poboación en xeral, e tamén que os homes privados de liberdade”, indica María José Vázquez. Segundo detalla, esta poboación é especialmente vulnerable tanto pola perda que teñen que asumir coa entrada en prisión (como a falta de contacto diario cos descendentes), como polos traumas que foron experimentando ao longo da súa traxectoria vital (como a violencia de xénero, maltrato ou neglixencia na infancia), ademais dos problemas que teñen asociados ao consumo de drogas. A profesora da UVigo lembra neste senso que os estudos epidemiolóxicos e sociodemográficos indican que as sitúan antes do seu ingreso en prisión “nunha posición marxinal que as estigmatiza, en tanto que tenden a presentar baixa instrución, débil posición no mercado de traballo, baixos ingresos económicos e incluso pode que teñan que afrontar en solitario a maternidade”. 

Na vida destas mulleres, destaca María José Vázquez, existen diferentes factores de desigualdade e de exclusión social que deben ser atendidos e considerados nun proceso de rehabilitación e sanción, tal e como recomendan as Reglas de Bangkok (2016). Neste contexto, as e os futuros profesionais do Traballo Social, engade a profesora da UVigo, que atendan a esta poboación deben ser consciente do impacto que tivo a súa historia vital e aínda ten no proceso de recuperación. Así, as actividades que desenvolve o alumnado da UVigo nesta iniciativa apostarán “por crear unha contorna respectuosa, empática e de apoio; sendo especialmente importante para estas mulleres darlle a oportunidade de participar activamente na toma de decisión para cambiar o seu comportamento, sen ampararse nas actitudes coercitivas, nin partenalistas”. 

Empoderamento e benestar

O estudantado e profesorado participante no proxecto ten como obxectivo potenciar o empoderamento e benestar desta poboación, facendo referencia aos procesos psicolóxicos que aparecen implicados no procesamento emocional da información que establece o modelo de Salovey e Mayer (1990), mostrándolles as diferentes redes de apoio que poden ter á súa disposición e finalizando a proposta coa necesidade de medir a eficacia das propostas que se imparten. 

Esta semana, a actividade celebrou na Facultade de Educación e Traballo Social unha xornada focalizada no Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar, explicando o seu director e traballadora social os programas reeducativos, os espazos e necesidades que teñen ao estudantado participante. A sesión tamén quixo establecer un espazo de intercambio e conexión entre alumnado de diferentes materias e cursos do Grao de Traballo Social. Tras este primeiro encontro o alumnado poderá traballar e axustar o deseño dos proxectos que implementarán no centro e que exporán á comunidade educativa nunha segunda sesión conxunta que terá lugar o día 12 de maio. “Con todo isto, os programas formativos deste grao pretenden formar para a profesión, empregando metodoloxía activas e innovadoras e de forma transdisciplinar, tal e como se recomenda no seu programa de desenvolvemento estratéxico”, apunta por último María José Vázquez.