DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Martín Pintos acadou o bronce na competición individual masculina

Un alumno do campus dá a UVigo á súa primeira medalla no Campionato de España Universitario de tenis de mesa

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
DUVI Pontevedra 24/05/2022

A Universidade de Vigo continúa sumando éxitos nos Campionatos de España Universitarios (CEU). Despois das medallas acadadas en judo, loitas olímpicas e balonmán, agora chega o bronce acadado polo estudante do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte Martín Pintos en tenis de mesa. Trátase ademais dunha “medalla histórica”, como sinalan desde a Área de Benestar, Saúde e Deporte, xa que se trata da primeira vez que a UVigo sube a un podio do CEU nesta modalidade deportiva.

No torneo organizado pola UCAM de Murcia que nos últimos días tivo lugar no Centro de Tecnificación Deportiva Infanta Cristina de Los Alcázares, Pintos Barreiro logrou subir ao podio na competición individual masculina, á que concorrían 33 deportistas de diferentes universidades españolas. Tras superar a fase de grupos, na que se medía a Santiago Méndez e Anuar Dorgham, das universidades de Murcia e Alacante, respectivamente, o estudante da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte superou a Biel Garrote, da Universitat de Barcelona, nos dezaseisavos de final. Tras esta vitoria, na seguinte rolda agardábao o número tres do ránking nacional, o deportista da UCAM Javier Soria, co que tamén puido o estudante do campus pontevedrés. O seu seguinte rival sería Eduardo González, da UNED, tamén superado por Pintos, que se clasificaba deste xeito para as semifinais, onde foi derrotado polo número un do ránking Marc Gutiérrez.

Catro representantes no torneo

Ademais de por Pintos, a Universidade de Vigo tamén estivo representada neste campionato pola estudante da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Laura Fernández, que logrou superar a fase de grupos na competición individual feminina, para caer en oitavos de final. Non tivo tanta sorte Natalia Fernández, alumna de Fisioterapia, que caeu na primeira fase, ao igual que Marcelino Baamonde, alumno da Escola de Maxisterio CEU Vigo, centro adscrito á Universidade.

Por outra banda, nas competicións por equipos, tanto o equipo masculino como o feminino lograron superar a fase de grupos, para logo caer elas na primeira rolda eliminatoria e eles, na segunda, na que se mediron, na loita polas medallas, ao equipo da UNED, que remataría proclamándose campión.