DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vindeiro luns ábrese a inscrición nos talleres de extensión universitaria do campus

Animación, fotografía, cerámica e cogomelos súmanse á oferta de obradoiros para toda a cidadanía

Xunto a novas edicións dos cursos de lingua de signos, escalada e robótica educativa

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Deportes
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 21/09/2022

Dirixidos a ampliar a formación da comunidade universitaria en diferentes áreas, pero abertos tamén ao conxunto da cidadanía, a programación de obradoiros de extensión universitaria da Vicerreitoría do campus abrirá o vindeiro luns 26 o prazo de inscrición en sete propostas que ofertan no seu conxunto máis dun centenar de prazas. Entre as novidades da programación articulada para este primeiro cuadrimestre figuran cursos de identificación de cogomelos, animación con técnicas risográficas, composición fotográfica e técnicas pictóricas en cerámica. Completan esta oferta formativa novas edicións dos obradoiros de iniciación á lingua de signos, escalada en rocódromo e robótica educativa con Escornabot.

O período de inscrición nestes sete talleres, de entre 25 e 33 horas, abrirase o vindeiro luns 26 de setembro na plataforma CampusActivo. Todos eles contan cun prezo de matrícula de 40 euros para o público xeral, 26 para as os integrantes da comunidade universitaria e 32 para outros colectivos vencellados á UVigo. 

Tres propostas ligadas a Belas Artes

O primeiro en arrancar destes sete obradoiros, o venres 6 de outubro, será tamén o único que se desenvolva de xeito virtual, Visión e composición fotográfica. Dirixido pola profesora da Facultade de Belas Artes Mar Caldas, coa participación como docente do fotógrafo Antonio Fernández Vacas, este obradoiro, para o que é preciso dispor dunha cámara, afondará en aspectos como o desenvolvemento da capacidade perceptiva visual a partir do coñecemento das ferramentas compositivas, a construción de imaxes e a alfabetización visual para o desenvolvemento da capacidade expresiva e narrativa. 

Tamén en outubro, dará comezo en Belas Artes Iniciación ás técnicas pictóricas en cerámica, un obradoiro dirixido pola profesora Chelo Matesanz que dá continuidade a anteriores cursos de extensión universitaria centradas no traballo coa cerámica. Nesta ocasión, as posibilidades pictóricas deste material, o estudo de cor e a aplicación de texturas ou esgrafiados forman parte dos contidos dunha actividade que terá como docentes á egresada da facultade e técnica de escultura Teresa Pece e á ceramista Emilia Guimeráns. Tamén dando continuidade a talleres previos centrados nas posibilidades dunha copiadora Riso SF9530, Belas Artes acolle entre o 17 e o 21 de outubro Animación en riso, un taller de introdución teórica e práctica ao mundo da risografía aplicado á animación stop motion. Dirixido polo profesor Marcos Covelo, esta actividade terá como docentes aos artistas gráficos Óscar Raña e Cynthia Alfonso, do estudio de animación Rapapawn. 

Identificación de cogomelos

O cuarto obradoiro que se programa por primeira vez é Identificación de cogomelos, un curso que terá lugar do 16 de outubro e o 21 de decembro na Escola de Enxeñaría Forestal. Impartido por Paula Estévez e Adrián Melón, o curso busca dotar aos e ás asistentes dos coñecementos necesarios para identificar tanto as principais especies tóxicas como as comestibles, así como coñecer as súas propiedades nutracéuticas e o seu tratamento na cociña. 

Escalada, lingua de signos e robótica educativa

A oferta de obradoiros para este cuadrimestre inclúe tamén unha nova edición de Comunícate coas mans, un curso que permite iniciarse na lingua de signos española, á vez que coñecer o contexto social, lingüístico, cultural e educativo da comunidade xorda. Dirixido pola profesora Ana Fernández Soneira, desenvolverase entre o 10 de outubro e o 30 de novembro na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e contará coa participación como docentes dos intérpretes Alba Puentes e David Fernández, así como do investigador do grupo Griles Manuel Lema. 

Por outra banda, entre o 20 de outubro e o 17 de novembro terá lugar na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte unha nova edición de Hablidades Maker para a educación con Escornabot. Impartido polas as docentes Almudena Alonso e Ainoa Zabalza e o maker Miguel Gesteiro, un taller que busca reflexionar sobre as posibilidades da robótica educativa dun xeito práctico, desenvolvendo “habilidades maker” e guiando ao alumnado na montaxe dun robot Escornabot. 

Finalmente, entre o 11 e o 27 de novembro, esta facultade acollerá a quinta edición do curso Iniciación á escalada en rocódromo, dirixido polos profesores Águeda Gutiérrez e Diego Alonso. Dirixido a formar o alumnado tanto nas técnicas básicas de escalada como nos equipos e medidas de seguridade, trátase dun taller dirixido a que as e os asistentes poidan logo practicar este deporte con autonomía e que conta coa participación como docente seleccionador galego de escalada e responsable do programa de tecnificación da Federación Galega de Montañismo, José Juan Domínguez.