DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O ‘anime’ será, os días 21 e 22 de marzo, o eixo do V Foro Internacional de Creación na Fronteira

A animación xaponesa reunirá no campus especialistas de diferentes países

Organizado polo grupo dx5 da Facultade de Belas Artes

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cine
  • Cultura
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 13/03/2019

Investigadores e investigadoras chegados de universidades de Xapón, Suecia, Reino Unido, Hungría e Turquía participarán os días 21 e 22 de marzo no V Foro Internacional de Creación na Fronteira, que promove o grupo de investigación dx5 (digital & graphic art research) da Facultade de Belas Artes e que terá no anime, na animación xaponesa, o seu eixo de análise. Baixo o título de Anime. Unha perspectiva transdisciplinar, este simposio reunirá na sede da Vicerreitoría do campus a doce expertos e expertas de diferentes países, co propósito de abordar “desde perspectivas moi dispares”, como a arte, a estética, a socioloxía, os estudos culturais ou a literatura comparada, unha das “principais manifestacións culturais xaponesa”, como salienta o investigador do grupo dx5 e director deste foro, José Andrés Santiago.

Con asistencia gratuíta ata completar aforo, o simposio promovido coa colaboración da Vicerreitoría e inserido na serie de foros do grupo dx5, “nos que sempre buscamos a relación de diferentes medios coa arte contemporánea”, forma parte á súa vez do proxecto de investigación Explorando nuevos territorios gráficos desde una perspectiva transdiciplinar. Cómic de campo expandido, el hiperlibro de artista y teorías animéticas contemporáneas, seleccionado no Programa Estatal de Fomento da I+D+i de Excelencia do Ministerio de Economía. “Trátase dun proxecto con tres patas, unha de estudos sobre cómic, relacionados coa arte contemporánea, outra sobre libros de artista dixitais e unha terceira sobre teoría da animación, e o foro será a culminación desta terceira pata”, salienta Santiago dun congreso que busca propor unha “reflexión teórica e académica” sobre “un produto cultural que nunca pasa desapercibido, pero do que si pasa desapercibida a súa influencia e a importancia que ten en todo o mundo”. Nese senso, o investigador sinala a series como Mazinger Z, Dragon Ball ou Pokemon para pór de relevo como “moitas xeracións de españois e europeos medramos influenciados polo anime en televisión”. 

Ollando ao anime desde moitas disciplinas 

“Quixemos que fose un simposio verdadeiramente transdisciplinar, no que o anime fose o tema que nos une pero no que os enfoques fosen diferentes e complementarios”, engade Santiago dun foro que é tamén un dos froitos da súa estadía de dous anos na Kyoto Seika University, que lle permitiu entrar en contacto cunha rede de investigadores e investigadoras especializados nesta manifestación cultural. “En España non existe tradición de estudos sobre anime”, recoñece o coordinador dun foro que, nese senso, busca “ofrecer perspectivas moi dispares” e tratar así de chegar a un “público máis amplo”. Deste xeito, o programa de doce conferencias en castelán e en inglés, con tradución simultánea, ábrese cunha serie de relatorios sobre “conceptos máis xerais sobre o anime”. A conferencia inaugural, de feito, corresponderalle a un “representante da industria”, o tradutor Mar Bernabé, quen falará do proceso de tradución do cómic e a animación xaponesa. A continuación, a profesora da Universidade de Estocolmo Jaqueline Berndt abordará o propio encaixe “dos estudos sobre anime dentro dos estudos culturais”, explica Santiago, mentres que a investigadora Alba Torrents centrará a súa intervención na estética e materialidade técnica da animación xaponesa. 

A partires de aí, o foro dirixirase cara “casos de estudo máis específicos”, como a conservación dos materiais xerados na produción da animación, eixo do relatorio de Minori Ishida, profesora e codirectora do Centro de Arquivos para Estudos sobre Anime da Niigata University. A dicotomía do concepto manga como estilo e como produto feito en Xapón será abordada polo investigador da Academia das Ciencias de Hungría Zoltan Kacsuk, mentres que a profesora da universidade xaponesa de Ryukoku Jessica Bauwens mirará cara a animación xaponesa desde unha perspectiva de xénero. Completan os conferenciantes da primeira xornada a investigadora da Universidade de Tohoku Olga Kopylova. quen falará do papel do manga como fonte de contidos para a animación, e o profesor da universidade británica de Hull Manuel Hernández. 

A esta serie de relatorios sumaranse, o venres 22, as de Ida Kirkegaard, investigadora da Universidade de Estocolmo; do profesor da Universidade de Hosei Stevie Suan; da profesora da Universidade do Bósforo Selen Çalık, quen porá en relación anime e videoxogos, e do propio Santiago, que se centrará nas co-producións hispano-xaponesas da década de 1980.