DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O presidente do Consejo Económico y Social de España abriu o curso de Ecobas 

Antón Costas reivindica o contrato social para garantir o funcionamento da economía de mercado e evitar a barbarie política 

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Visitas
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 17/09/2021

O catedrático de Política Económica e presidente do Consejo Económico y Social de España, Antón Costas, regresou este venres á Universidade de Vigo para impartir un seminario científico no acto de apertura do curso académico do centro de investigación interuniversitario Ecobas (Economics and Business Administration for Society). Na súa intervención titulada El reto de construír un contrato social justo y sostenible, reivindicou o contrato social para garantir un funcionamento sostible da economía de mercado e para previr a barbarie política, ademais de incidir na importancia de sostenibilidade social e na necesidade de recuperar a prosperidade compartida.

A vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, o director e a directora científica de Ecobas, Carlos Hervés e María Loureiro, foron os encargados de presentar a Costas, así como de destacar o traballo desenvolvido nos últimos anos polo centro de investigación, “ o primeiro de ámbito xurídico social en Galicia , e que agardo que na próxima convocatoria da Xunta acade e mención de centro singular”, dixo Rubio. Pola súa banda, Loureiro avanzou ao alumnado algunhas das actividades previstas para o novo curso, mentres que Hervés lembrou que “este é un ano de transición para Ecobas e en breve funcionaremos formalmente como un centro de investigación, polo que os invitamos a todos a participar a facer investigación de calidade”.

O contrato social estragado

Antón Costas retrotraeuse no inicio da súa intervención ao libro que escribiu xunto ao catedrático da UVigo Xosé Carlos Arias, La nueva piel del capitalismo, como orixe do seu interese nos últimos anos pola desigualdade social e os seus efectos “e por iso ocupeime do contrato social”, asegurou o presidente do CES, que como primeiro punto do seu relatorio centrouse en responder á pregunta, que fai que unha economía de mercado sexa sostible, que funcione harmoniosamente e preveña a barbarie política? “Unha democracia liberal ou capitalismo democrático pode funcionar harmoniosamente sempre e cando haxa no seo da sociedade un contrato social (non pacto) que retoricamente ten que ser cun compromiso entre aqueles aos que lle vai ben co sistema e aqueles que teñen o risco de quedar atrás no disfrute da prosperidade do sistema”, explicou Costas, que sinalou que o compromiso non só pode ser retórico, senón que debe estar apoiado en institucións políticas. 

O catedrático comparou o contrato social cun pegamento, que considera “se nos estragou”, aínda que tamén recoñeceu que a covid-19 “está a traer unha rehabilitación do contrato social. Lembren a crise do 2008, que tipo de contrato social veu alí? A destrución do contrato social: o recorte. E agora esta crise está traendo unha recuperación dalgúns trazos do contrato social como a política social expansiva ou os ERTES”,  e avogou por procurar unha estratexia de crecemento inclusiva, ademais de combinar unha boa dotación de recursos convencionais cun contrato social sostible. 

En canto as causas do malestar social e o auxe do populismo, Antón Costas apuntou dúas explicacións: dunha banda, a socieconómica na que varios autoras e autores coinciden en que o malestar e a rabia ten moito que ver coa perda de prosperidade compartida que sufriron as sociedades nas tres últimas décadas, así como cos medos das persoas que aínda que non a perderon temen facelo pola transformación dixital e a transición climática. E doutra banda, a explicación cultural (migratoria, novo nativismo), “aínda que eu a miro como unha segunda derivada, despois do malestar económico”, explicou Costas.

Das reflexións sobre a sostenibilidade á ética para economistas reformistas 

No seu relatorio, o director do CES incidiu tamén na importancia da idea da sostenibilidade “que creo que é moi potente e vai moldear as nosas vidas e a economía”. Non obstante, Costas advertiu, que se ben, a sostenibilidade ambiental está incorporada ao consenso, non cre que sexamos conscientes da importancia da sostenibilidade social e da democrática. “Se non somos quen de garantir o pleno emprego digno, que é a sostenibilidade social, creo que nos arriscamos a non lograr a sostenibilidade ambiental e a soster a democrática. A prioridade é crear mellores empregos para máis persoas, en máis lugares do país, porque senón así hai riscos moi fortes”.

Tras reivindicar a necesidade de recuperar a prosperidade compartida ou inclusiva e lembrar algunhas das fontes de desigualdade, Costas referiuse ao que denominou como “unha nova epifanía económica” que contradí a conclusión dunha relación negativa entre eficiencia e equidade de Okun. “Esa revelación vén desde hai sete anos do Banco Central que di que a relación non ten pendente negativa, senón positiva”, explicou o economista, que sinala que unha mellora razoable da xustiza social non prexudica a economía ,senón que a fai menos volátil, máis sa e máis sostible no tempo. “Esta é unha epifanía que aínda precisa apóstolos, que permitiría avanzar no contrato social e traería unha economía mellor”, sinalou Costas no seu relatorio, que rematou asegurando que os economistas non deben só dirixirse aos políticos “para que nos fagan caso, senón dirixirnos á sociedade. Este é o gran reto que temos”, afirmou o presidente do CES.