DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco dun ciclo de obradoiros con profesionais, promovidos co apoio do Consello Social

Anxos Fazáns retorna á Facultade de Comunicación para afondar no traballo co equipo actoral

Os talleres previos centráronse no deseño sonoro, o guión e na produción publicitaria audiovisual

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Pontevedra 10/04/2026

Graduada en Comunicación Audiovisual, Anxos Fazáns estreaba a finais de 2025 a súa segunda longametraxe, As liñas descontinuas, que sumou once candidaturas aos Premios Mestre Mateo. Este venres retornaba á facultade na que se formou para afondar nos seus procesos de traballo cos actores e actrices, nun taller inserido nun ciclo de obradoiros que busca achegar ao alumnado da facultade diferentes perfís profesionais. Promovidos ao abeiro da convocatoria de axudas ao prácticum do Consello Social da Universidade de Vigo, este ciclo permitiulles tamén coñecer de primeira man os traballos de deseño sonoro na produción cinematográfica, de desenvolvemento de guións e de dirección de fotografía publicitaria.

Cunha “mestura de moita ilusión” e tamén da sensación de “volver a casa”, Fazáns protagonizou un taller sobre a dirección de actores, “que para min é case unha das cuestións máis importantes, porque gústame moito traballar moi cerca dos intérpretes. É algo ao que dedico moito tempo e esforzo”, salientaba esta cineasta, que o mes pasado presentaba na facultade As liñas descontinuas, xunto coa tamén responsable da produtora Sétima Silvia Fuentes, no marco da XV Máster Class Audiovisual Galego Augal.

Nunha sesión presentada pola secretaria académica, Silvia García Mirón, a guionista e directora abordou o traballo de dirección desde a súa “experiencia persoal” como cineasta, así como desde o seu traballo como docente nunha escola de interpretación. “Vou falar desde a miña forma de traballar, non hai unha fórmula para facer cine e cada quen ten que atopar a súa”, salientaba ao inicio dun taller no que afondou en procesos como a análise de guión, a análise das personaxes, os modelos de comunicación ou os traballos de ensaio. Fíxoo, apuntou, tomando como punto de partida o seu propio traballo, pero buscando tamén deterse “na visión doutras directoras”, coa idea ofrecer unha panorámica “máis ampla” da dirección de actores.

Achegamento a diferentes sectores profesionais

Este taller forma parte dun ciclo de obradoiros que permiten ao alumnado dos graos en Comunicación Audiovisual e Publicidade e Relacións Públicas coñecer de primeira man diferentes perfís profesionais aos que, debido ao pequeno tamaño das empresas, resulta complexo achegarse a través das prácticas curriculares. Trátase, como sinala o seu coordinador, o vicedecano Paulino Pérez, de “obradoiros presenciais de curta duración” que permiten ademais ao alumnado obter asesoramento “nas solucións necesarias para acadar un resultado máis próximo ao ámbito profesional nos seus traballos prácticos”.

Con ese obxectivo, este xoves tiña lugar un taller sobre deseño sonoro impartido polo tamén egresado da facultade Xes Diéguez, posprodutor de son na empresa Sound Troop, especializada en foley, a recreación e gravación en estudio de sons cotiáns e a súa posterior sincronización coa imaxe na posprodución da película. Este traballo, lembrou Pérez, levou a este egresado a traballar recentemente en filmes como Sirat, Rondallas, Los Domingos ou El Cautivo. Nesta sesión, Diéguez afondou co alumnado nas diferentes fases do traballo, “desde a planificación e o guión, ata a rodaxe e a posprodución de son”.

Este ciclo botou a andar xa no mes de marzo cos dous primeiros talleres. Un deles estivo centrado na produción publicitaria audiovisual e correu a cargo do fotógrafo e director de fotografía Jacobo Gayo. O outro estivo dedicado ao desenvolvemento de guións para producións audiovisuais e foi impartido pola tamén egresada Sara Varela, quen analizou os guións realizados polo alumnado de terceiro de Comunicación Audiovisual para unha materia na que deben realizar unha curtametraxe de ficción. 

Esta programación completarase proximamente cun quinto taller e a esta súmanse á súa vez os obradoiros de traballo con actores profesionais que o centro acolle nestas semanas, ao abeiro tamén da convocatoria de axudas do Consello Social.